A febre do trail running chegará a Caldas de Reis

Primeira edición do 'Trail Laxe dos Bolos'.
Iván Sangiao (á esquerda), con Manuel Fariña en Caldas. (Foto: Concello de Caldas).
photo_camera Iván Sangiao (á esquerda), con Manuel Fariña en Caldas. (Foto: Concello de Caldas).

A disciplina do trail running continúa a súa imparábel expansión pola Galiza, e a última proba en unirse ao cada vez máis nutrido calendario de eventos será o I Trail Laxe dos Bolos, que terá, ademais, a condición de oficial para a ITRA (a axenda internacional de carreiras de trail running) e de puntuábel de cara ao ránking da Federación Galega de Atletismo (FGA).

Localizada en Caldas de Reis, o certame terá tres modalidades, sendo a máis dura a coñecida como 'Desafío Xiabre', de 27 quilómetros de lonxitude e un desnivel de máis de 1.500 metros de ascenso. 

Segundo o responsábel do sector na FGA, Iván Sangiao, "a nivel deportivo, este trail é singular porque conta cuns primeiros quilómetros de saída e de chegada sen moito desnivel, o que deixa a parte neurálxica e central no Xiabre, con bastante dureza e intensidade, o que porá a proba a todas as participantes, que encararán a maior dificultade técnica da proba na parte central". 

Ademais, Sangiao engadiu que  outro dos elementos diferenciadores deste Trail Laxe dos Bolos será que conta con ascensos e baixadas "por zonas de laxes, rochas moi lambidas e terreo moi solto, que vai dificultar o paso das deportistas".

Con respecto á segunda modalidade, o 'Trail Santa María', este compartirá parte do percorrido coa anterior, pero cunha saída máis tardía. Así, contará con oito quilómetros de lonxitude e uns 350 metros de desnivel, percorrendo os montes de Santa María e a zona de Segade.

Aínda que se trata dunha proba aberta tamén a  deportistas da modalidade absoluta, tan só será puntuábel para os ránkings galegos das categorías de base, desde a Sub-16 e até a Sub-20.

Finalmente, a última modalidade, coñecida como a 'Andaina popular de Segade', terá o mesmo circuíto que a anterior, e dado o seu carácter non competitivo, nela poderán apuntarse todas as persoas que o desexen.

Durante o acto de presentación deste I Trail Laxe dos Bolos, que tivo lugar no Concello de Caldas e no que estivo presente, ademais do propio Iván Sangiao, o tenente de alcalde e responsábel de Deportes, Manuel Fariña, este salientou que, alén do plano estritamente competitivo, esta clase de citas contribúen a "pór en valor puntos tan fermosos como a contorna de Segade ou a do Monte Xiabre". 

Comentarios