A organización do I Trail do Cervo descobre petróglifos ocultos

Son cinco as mostras descoñecidas até o de agora de arte rupestre que atoparon.
Os achados tiveron lugar no Concello de Campo Lameiro (Foto: Colectivo do vento).
photo_camera Os achados tiveron lugar no Concello de Campo Lameiro (Foto: Colectivo do vento).

Está internacionalmente asumido no eido dos estudos arqueolóxicos que o val do Lérez posúe unha das maiores concentracións de arte rupestre ao aire libre de Europa, en concreto de petróglifos. 

Campo Lameiro é un dos concellos galegos que alberga un maior número deles, e tamén algúns dos máis recoñecidos, como Rotea de Mendo, Laxe dos Carballos, Chan da Lagoa, o Petróglifo de Albatunez, Chan de Matabois ou Chan da Carballeda, entre outros.

Do mesmo modo, os e as profesionais da arqueoloxía admiten que nesta área xeográfica do interior de Pontevedra segue a haber moitos gravados rupestres sen descubrir e catalogar, como demostran os últimos achados feitos por membros do Eido do Cervo, que se atopaban traballando de cara ao lanzamento do I Trail do Cervo.

"Estábamos a preparar o percorrido dunha proba de carreira de montaña e levamos unha sorpresa cando atopamos cinco petróglifos que non se coñecían", explica Manuel Abalo Carballa, bombeiro forestal e apaixonado da arte rupestre.

"Unha vez achadas estas laxes puiden comprobar, grazas ao Plan Básico da Xunta da Galiza e a amigos especialistas en arqueoloxía, que estes petróglifos non constan nos rexistros e que polo tanto son bens arqueolóxicos inéditos que deben de inventariarse para poder ser protexidos", engade Abalo.

Con respecto ao futuro Trail de Cervo, o seu organizador indica que alén do eido estritamente deportivo, a carreira busca "poñer en valor unha paisaxe que en moi pouco tempo podería verse alterada negativamente, modificándose para sempre", en relación aos distintos proxectos de polígonos eólicos como Touriñán III-2, promovido por Greenalia, ou Campo das Rosas, que encabeza a empresa Naturgy.  

Comentarios