A Eurocámara di que o bico de Rubiales foi "vergoñoso"

O bico non consentido de Rubiales á xogadora do Pachuca chegou esta quinta feira a Bruxelas.
Eurodeputadas en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Eurodeputadas en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento Europeo denunciou de forma maioritaria esta quinta feira as "actitudes machistas" do dimitido presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, mostrando ademais o seu apoio a Jenni Hermoso e ao resto de futbolistas do combinado estatal pola "lección que deron a Europa coa súa resposta á discriminación sufrida durante anos".

O bico non consentido de Rubiales á xogadora do Pachuca durante a celebración do triunfo da selección española no pasado Mundial de Sydney (Australia) chegou ao pleno da Eurocámara en Estrasburgo nun debate que uniu practicamente todo o arco parlamentario en apoio ás reivindicacións das xogadoras.

A representante do BNG, Ana Miranda, sinalou para Nós Diario que ela e o resto das mulleres do Parlamento denunciaron "a violencia sexual e o acoso que existe no mundo dos deportes", ademais de amosar o seu "apoio a quen denuncia".

Clemente 1-0 Rubiales

"Impresentable, macarra, becho, perigoso..." son só algúns dos cualificativos que o veterano adestrador vasco Javier Clemente lle dedicou en 2022 a un Rubiales que decidiu demandalo por "atentar" contra a súa honra. Esta quinta feira, o Xulgado de Primeira Instancia 45 de Madrid desestimouna por considerar que se trataba de "simples opinións". 

Rubiales declara hoxe ante a Audiencia Nacional

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge citou o xa ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, a declarar hoxe en calidade de imputado polo bico na boca sen consentimento que propinou á xogadora da selección estatal, Jenni Hermoso durante a entrega de trofeos do recente Mundial de Australia. 

Nunha providencia o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1 cita a partir das 12 horas da tarde a un Rubiales que deberá acudir de forma presencial á sede do tribunal.

Comentarios