Rubiales declarará ante a Audiencia Nacional o 15 de setembro

O ex dirixente da RFEF comparecerá como imputado
Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).
photo_camera Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge citou o xa ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, a declarar o próximo 15 de setembro en calidade de imputado polo bico na boca sen consentimento que propinou á xogadora da selección estatal, Jenni Hermoso durante a entrega de trofeos do recente Mundial de Australia. 

Nunha providencia o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1 cita a partir das 12 horas da tarde a un Rubiales que deberá acudir de forma presencial á sede do tribunal.

Cabe lembrar que foi na pasada segunda feira cando o xuíz admitiu a querela presentada pola Fiscalía polos delitos de agresión sexual e coaccións imputados ao mandatario.

Nun auto, o maxistrado acordou as primeiras dilixencias neste procedemento, entre elas solicitar de Radio Televisión Española (RTVE) "o vídeo ou vídeos" que teñan nos seus arquivos que recollan os momentos, desde todos os ángulos, nos que o querelado bica a denunciante, así como os minutos inmediatamente anteriores e posteriores ao feito relativos á celebración do triunfo da Roja.

Ademais, Francisco de Jorge requiriu ao xornal El País o vídeo da celebración no vestiario que ten colgado na internet e ao diario AS o dos momentos do bico e calquera outros relacionados cos feitos. Pola súa banda, ao rotativo La Vanguardia o instrutor solicitoulle o vídeo da celebración no autobús da selección española de fútbol feminino.

Debut dos equipos galegos na Copa da Raíña

Sen saír do fútbol feminino, pero nun plano moito máis positivo, catro conxuntos galegos debutan hoxe nunha competición organizada polo organismo que até esta semana dirixía o polémico Luis Rubiales, a Copa da Raíña.

Na primeira eliminatoria do torneo do KO estiveron dentro do bombo o Real Club Deportivo da Coruña, Viaxes Interrías de Sanxenxo, Sárdoma e Perruquería Mixta Friol. 

O conxunto herculino entrará en acción contra o Balears Fútbol Club ás 19 horas da tarde, sendo o último dos conxuntos do país que saltará ao céspede. Antes arrancarán o Friol-Málaga (16.30 horas), Viaxes Interrías-Alba Fundación Feminino (17 horas) e Sárdoma-AEM Lleida (18.30 horas).

Comentarios