Correr o Camiño dos Faros, o próximo reto de Maite Rojo

A ultrafondista galega percorrerá os 202 quilómetros entre Malpica e Fisterra sen facer paradas.
Maite Rojo (Foto: M.R)
photo_camera Maite Rojo (Foto: M.R)

“Por moi duro que sexa, segue o punto verde, O Camiño dos Faros vai ser o meu próximo reto en agosto”. Con esta mensaxe publicada nas súas redes sociais, a ultrafondista galega Maite Rojo anunciaba que está preparando a coñecida ruta que comeza en Malpica (comarca de Bergantiños), a súa vila natal, e remata en Fisterra. 

O desafío consiste en correr 203 quilómetros sen paradas, sen durmir en dous días e con 4.000 metros de desnivel. Após ser finalista en 2022 na Spartahlon, converténdose na primeira deportista galega en facer os 247,5 km desa proba grega, e vir de correr en maio deste ano a Ultr'ardeche en Francia, onde quedou oitava tras percorrer os seus 222 quilómetros en 28 horas e 46 minutos, agora volve a Galiza.

Será, segundo explica a Nós Diario, todo "un reto persoal" que en principio realizará "entre os días 23 e 24 de agosto". A deportista recoñece que xa descansou da cita francesa e está disposta a afrontar este novo desafío. A ruta está a ter moita acollida desde que se creou e realízase, normalmente, en oito etapas. A idea da malpicá é facelo "enteira e sen paradas". 

Rojo seguirá a ruta oficial e pasará bordeando toda a costa do océano Atlántico e polos seus faros principais, algúns cantís e varias praias. 

Contará co apoio do seu irmán, o tamén corredor Diego Rojo, que seguira de perto a ruta nun vehículo. "Ademais farei algúns tramos do Camiño dos Faros con corredoras e corredores da zona", indica. Por ese motivo xa fixo un convite nas redes sociais, pois "calquera que queira acompañarme un anaco do camiño, está invitado". 

A forza do Atlántico

Maite Rojo correrá ao carón do seu océano que, salienta, “sempre me deu forzas”. É o elemento que a acompaña tamén profesionalmente como capitá de grandes embarcacións coas que acostuma realizar grandes travesías. Ten arrodeado toda a península ibérica ademais de coñecer de primeira man o mar Mediterráneo e o propio Atlántico,  que xa cruzou en dúas ocasións. Tampouco lle son descoñecidos o Caribe e o Pacífico, visitando neste último a Polinesia. 

Nos últimos meses, alén de descansar e volver adestrar para conseguir este reto, Maite Rojo expuxo as súas experiencias neste tipo de carreiras nunha conferencia o pasado mes de xuño convidada pola asociación cultural Alexandre Bóveda da cidade da Coruña.

Comentarios