Maite Rojo convértese na primeira galega en facer os 247,5 km da Spartatlón

A atleta de Malpica conseguiu rematar a histórica carreira comunica as cidades gregas de Atenas e Esparta con 247,5 km de percorrido. 
A atleta Maite Rojo coa súa medalla lograda na Spartatlón, a carreira que une Atenas con Esparta (Foto: Nós Diario).
photo_camera A atleta Maite Rojo coa súa medalla lograda na Spartatlón, a carreira que une Atenas con Esparta. (Foto: Nós Diario)

A atleta Maite Rojo atópase aínda en Grecia após rematar unha das carreiras máis simbólicas do mundo e tamén unhas das máis duras: a Spartatlón. A proba transcorreu entre Atenas e Esparta e percorreu 247,5 km que a deportista galega realizou en 32 horas e 26 minutos quedando en noveno lugar. Un dos indicadores da dureza desta carreira é que só remataron 175 participantes dun total de 400 que a iniciaron.  

Chegar a conseguir esta fazaña levoulle anos a esta malpicá criada na Coruña. Ela mesma lembra para Nós Diario como se iniciou de adolescente no atletismo facendo pista en carreiras de medio fondo, unha actividade que tivo que deixar cedo e por moitos anos “coa chegada dos estudos e do traballo”. Porén, nunca deixou de correr, “algo moi fácil e sinxelo en calquera momento”.

Cando fai os 40 anos coincide que se inaugura o maratón na súa cidade, A Coruña, ao que se apunta seu irmán, Diego Rojo, nunhas circunstancias que a animaron a volver adestrar e a participar no que se fai no Porto (Portugal).

“Comecei a correr media maratón, maratón, trail e as 12 horas en atletismo dentro do calendario internacional”, sinala Maite. Daquela, seu irmán comeza a preparar a Spartatlón que corre en 2018 servíndolle Maite de apoio.

“Acabei por namorarme e corrín varias probas para clasificarme mais coa pandemia non puiden ir até este ano”, apunta. Entre esas carreiras figuran as 24 horas de Auckland (Nova Zelanda) e as 24 horas de Barcelona, onde quedou en ambas as dúas como primeira na categoría feminina. 

Unha proba especial

A Spartatlón non é só unha proba de atletismo e resistencia, tamén é unha competición especial polo seu significado histórico. Segundo o xeógrafo Heródoto, no ano 490 a. C. un mensaxeiro ateniense enviado a Esparta para buscar axuda contra os persas na Batalla de Maratón tardou un día en chegar. En 1982, lembrando a proeza, realizouse unha proba que, ao ano seguinte, abriuse a todo o mundo.

“Vén o mellor de todo o mundo, segundo a organización presentáronse deportistas de 65 nacionalidades”, sinala Maite. Con ela corría outra galega, a ourensá Elena González, que non rematou a carreira. 

“Para participar tiven que adestrar moito e contar con experiencia, aínda que nesta ocasión xente moi boa e que xa gañara a Spartatlón tampouco chegan á meta”, indica a corredora malpicá, “nalgúns momentos tes que sacar as forzas de onde non as hai e salvar os momentos puntuais que chegan”, engade. Unha das partes do percorrido é nocturno e para manterse esperta relata que estivo unha semana sen tomar café "para que me fixera máis efecto ao tomalo durante a carreira".

O feito de manterse esperta e atenta ao trazado da carreira é fundamental, tamén, ao ser en gran parte realizado por estrada e sen cortes de tráfico. 

Maite é a segunda muller do Estado español en conseguir rematar esta proba en Grecia, con anterioridade conseguírao a vasca Eva Esnaola en 2014. A súa chegada á meta foi moi emotiva ao entregarlle seu irmán unha bandeira galega coa que realizar os últimos metros. "Para min foi todo un privilexio rematala, son unha espartana máis".      

Unha carreira tamén solidaria coas enfermidades raras

Maite Rojo quixo que esta carreira tivera tamén un contido solidario. “Dediqueilla a meu pai e a axudar a que se estude a enfermidade que padece: Dexeneración Cortico Basal (Parkinson Plus)”, explica.

Por este motivo púxose en contacto coa Federación de Enfermidades Raras (Feder) ao non contar cunha asociación específica e abriu unha iniciativa por internet para recadar fondos para que se investigue. 

Comentarios