O Celta, coa mirada posta no dianteiro bético William José

O presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, estaría disposto a pagar até 12 millóns de euros.
O futbolista brasileiro Willian José pode acabar no Celta (Foto: Nós Diario).
photo_camera O futbolista brasileiro Willian José pode acabar no Celta (Foto: Nós Diario).

Non é un segredo, nin sequera é un segredo a voces, o Celta precisa un dianteiro, e precísao con urxencia. A maxia de Iago Aspas leva iluminado o equipo celeste durante moito tempo e, sen dúbida, á estrela moañesa non lle viría nada mal unha pouca axuda na dianteira.

É por iso que Carlos Mouriño, presidente do Celta, ten a súa mirada posta en, segundo os rumores, até catro dianteiros para a actual temporada. Entre esa lista de nomes encóntrase a do xogador natural do Brasil, Willian José que actualmente milita nas filas do Real Betis Balompié.

Se esta fichaxe saíse adiante, podería ser beneficioso para ambos os equipos sendo que, segundo certas fontes, o Real Club Celta de Vigo estaría disposto a ofrecer, polo menos 12 millóns de euros polo dianteiro, unha cantidade que actualmente poden asumir.

O Betis estaría tamén disposto a aceptar a saída de Willian José xa que así, poderían dar entrada a varios outros xogadores que solicitaron para esta temporada e que aínda non puideron inscribir dado que, na actualidade, o club de Sevilla supera o límite salarial estabelecido. Willian José estaría na lista dos posíbeis candidatos a deixar o club verde e branco, algo de que o Celta podería aproveitarse.

Dianteiro con garantías

Cos seus 30 anos de idade, Willian José é un dianteiro xa curtido na liga española e cunha calidade máis que contrastada. Leva xogados un total de 221 partidos na primeira división, 55 na segunda e ten experiencia até na Premier League británica, tendo disputados un total de 19 partidos.

Os seus 70 goles na máxima competición do fútbol estatal avalan a súa carreira e serían unha adición moi atractiva para a escuadra celeste que, como se vén demostrando nas últimas temporadas, está bastante falta de gol. 

O Celta preparase para o Cádiz

No medio destas negociacións, o club olívico prepárase para recibir o Cádiz nun partido en que os celestes deberían conseguir a vitoria. Após tres partidos disputados na máxima competición estatal, o Cádiz aínda non coñece a vitoria, mentres que os vigueses suman un total de catro puntos tras vencer o Girona, perder contra o Madrid e empatar contra o Espanyol.

Comentarios