O Celta confirma as fichaxes de Óscar Rodríguez e Luca de la Torre

Rodríguez chega cedido con opción de compra por unha tempada procedente do Sevilla, e De La Torre, traspasado.
Óscar Rodríguez asinou esta sexta feira o seu contrato xunto ao presidente do Celta, Carlos Mouriño. (Foto: RC Celta)
photo_camera Óscar Rodríguez asinou esta sexta feira o seu contrato xunto ao presidente do Celta, Carlos Mouriño. (Foto: RC Celta)

O que nas últimas horas fora un segredo a voces en Vigo é xa unha realidade. O centrocampista de perfil ofensivo Óscar Rodríguez convértese na segunda fichaxe do Real Club Celta de cara ao vindeiro curso, após a chegada do sueco Williot Swedberg.

O futbolista talaverano recala na cidade olívica tras a marcha de Brais Méndez á Real Sociedade. Chega cedido por unha tempada, cunha opción de compra que rolda os dez millóns de euros.

Óscar formouse nas categorías inferiores do Real Madrid e, logo de dúas cesións consecutivas ao Leganés, foi traspasado ao Sevilla por 13 millóns de euros. Até o momento disputou máis dun centenar de partidos en Primeira División, con 13 goles e 7 asistencias na súa conta particular.

O departamento que dirixe o portugués Luis Campos posibilita así unha das peticións expresas do técnico celeste, Eduardo Coudet, que tamén agarda a chegada do porteiro do Barça Neto Murara, unha operación que se antolla máis complicada polo seu elevado salario.

Nas próximas horas poderían aterrar no aeroporto de Peinador outros xogadores pretendidos polo clube como o central do Athletic Unai Núñez, que esta sexta feira non adestrou cos seus compañeiros en Lezama.

O Celta negociaba tamén co Heracles, descendido o último curso á categoría de prata dos Países Baixos, o traspaso da promesa estadounidense Luca de la Torre, volante ofensivo proposto por Luis Campos que tamén foi anunciado esta sexta feira e cuxo pase sería por unha contía próxima aos dous millóns de euros.

Lobete e Núñez poderían ser os seguintes en aterrar en Peinador

Aliás, o atacante Julen Lobete, da Real Sociedade, visitou Vigo esta quinta feira para coñecer a proposta do Celta, que contaría con el como terceiro dianteiro —após Iago Aspas e outra fichaxe que aínda está pendente— ou ben podería cedelo a un equipo de Segunda División para gañar minutos e mellorar o seu rendemento.

No capúítulo de baixas, en Príncipe apuran a marcha de Denis Suárez, que non conta para a directiva celeste malia volver insistir esta mesma semana en que o seu desexo é ficar en Vigo. Betis e Sevilla, segundo a prensa andaluza, son os principais pretendentes nunha operación que se podería fechar na contorna dos seis millóns de euros.

O futuro de Santi Mina

Por outra parte, o clube vigués busca unha saída, que se presenta moi complicada dadas as circunstancias, a Santi Mina, que foi apartado da dinámica do equipo após ser condenado a catro anos de cadea por abuso sexual.

Segundo informa o xornal Atlántico, o avogado da vítima estaría a preparar un escrito perante a Xustiza almeriense para solicitar o seu ingreso en prisión e impedir que marche a un equipo estranxeiro, entendendo que iso aumentaría o risco de fuga.

O Celta recibiu nos últimos días ofertas dos Emiratos Árabes Unidos e Grecia, proposta esta última do Aris Salónica, rexeitada polo futbolista vigués condenado.

Comentarios