Mouriño fala hoxe sobre Santi Mina e Denis Suárez

O presidente celeste aborda a súa situación de ambos os xogadores.
Carlos Mouriño participou dun foro no que compartiu palestra coa olímpica Sofía Toro e a empresaria Carmen Lence. (Foto: RC Celta).
photo_camera Carlos Mouriño participou dun foro no que compartiu palestra coa olímpica Sofía Toro e a empresaria Carmen Lence. (Foto: RC Celta).

Mouriño falará. O presidente do Celta protagonizará hoxe ás 10.30 horas unha comparecencia de prensa na que analizará -tal e como aclarou o club- "única e exclusivamente a situación dos xogadores Santi Mina e Denis Suárez", que adestran á marxe dos seus compañeiros.

O máximo mandatario celeste ofrecerá así resposta a unha situación que está desestabilizando a pre tempada do club nun contexto no que as fichaxes non acaban de chegar e as que chegan non convencen.

Xa na segunda feira, 1 de xullo, volverá atender os medios de comunicación, nesta ocasión para falar do resto de asuntos que ocupan e preocupan ao afeccionado e afeccionada do Celta.

Movementos importantes no Rácing de Ferrol

Os Diaños Verdes continúan perfilando o seu novo cadro de xogadores de cara á vindeira tempada, rexistrando onte unha alta e unha baixa de gran relevancia. Esta última é a do dianteiro David Rodríguez, titular indiscutíbel a pasada tempada, na que anotou nove goles que fixeron del o segundo máximo anotador ferrolán, só por detrás de Joselu (14). O destino do veterano asturiano de 36 anos será un rival directo do Rácing na loita polo ascenso, o Raio Maxadahonda.

A contraparte positiva foi a confirmación da chegada de Luca Ferrone. O sorrentino, que ten 29 anos e actúa habitualmente como lateral dereito, acumula unha ampla traxectoria na terceira categoría do fútbol estatal, militando a última tempada nas filas do Atlético Baleares, onde xogou 34 encontros como titular. 

Todas aquelas persoas que queiran seguir as evolucións do Rácing nestes estadios iniciais da pre tempada terán unha boa oportunidade o próximo 6 de agosto (18 horas) no Campo Municipal Pepe Barrera de Ribadeo, onde porán a proba as súas forzas cun rival de categoría superior, un Club Deportivo Lugo que onte comunicou que Roberto Fernández -ex xogador de equipos como Celta, Sporting, Granada ou Osasuna- dirixirá o Xuvenil B albivermello.

Irene Ferreras, presentada no Deportivo Abanca

A nova adestradora do Dépor feminino, Irene Ferreras, foi presentada na xornada de onte. Alí, a preparadora recoñeceu que o obxectivo é "o máximo", e recoñeceu que o branquiazul é  un club "diferente". 

Comentarios