Análise: "Todo cambia para seguir igual na estrea do Celta en Liga"

Erros propios e do árbitro seguen lastrando os olívicos.
O Celta mereceu máis, pero entre  o conservadorismo do Chacho e a arbitraxe non puido sumar de tres.  (Foto: La Liga).
photo_camera O Celta mereceu máis, pero entre o conservadorismo do Chacho e a arbitraxe non puido sumar de tres. (Foto: La Liga)

O público non fallou, o Celta si. Ante case 14.ooo espectadores, a segunda maior presenza de afeccionados e afeccionadas no que vai de ano, o Celta de Vigo abriu a campaña ligueira 2022/23 ante o Espanyol de Barcelona con moitas caras novas, pero repetindo os mesmos erros que o afastaron a tempada pasada dos postos europeos.

O resultado final, 2-2, non reflicte a superioridade dun Celta que se adiantou a piques de alcanzar o descanso cun espectacular remate de Iago Aspas coa súa perna mala, a dereita, logo de que un fantástico xesto técnico de Solari -sinalado polo presidente Carlos Mouriño como un dos xogadores que deben buscar unha saída do club- habilitase o de Moaña para abrir o marcador.

Os cambios conservadores de Coudet resultaron perniciosos

Xa na segunda metade, no minuto 63, Paciência materializaba de soberbio testarazo o 2-0 a pase de Javi Galán, no que parecía o tanto da tranquilidade.

Pero nada máis lonxe da realidade. Como tantas veces aconteceu na 2021/22, os cambios conservadores de Coudet resultaron perniciosos (Tapia entrou por Solari e Carles Pérez polo goleador Paciência) e o ex deportivista Edu Expósito sacou petróleo dun erro defensivo marcando o 2-1.

No 91, o Chacho tratou de asegurar aínda máis a súa parcela defensiva dando entrada a un debutante Mingueza, pero o ex do Barça realizou un penalti moi discutíbel nada máis saltar ao terreo de xogo que, ironías dun destino sempre cruel, materializou un Joselu que podería estar vestindo de celeste, pero foi descartado por Mouriño a causa da súa idade e o seu elevado salario.

Comentarios