Análise: O Madrid tomba un Celta aínda en construción

Os de Coudet, que iniciaron o encontro con intensidade mais con escasa precisión, evidenciaron carencias defensivas e na sala de máquinas. Pola súa parte, o Lugo apañou o seu primeiro punto en Tenerife nun partido marcado por dúas expulsións.
A precisión desde os once metros de Iago Aspas, que anotou en todos os partidos desta tempada, non abondou para puntuar en Balaídos. (Foto: Pablo García / DAX via Zuma Press)
photo_camera A precisión desde os once metros de Iago Aspas, que anotou en todos os partidos desta tempada, non abondou para puntuar en Balaídos. (Foto: Pablo García / DAX via Zuma Press)

Seis goles en contra e só un punto sumado de seis posíbeis é o balance do arranque do Celta na Liga. O equipo do 'Chacho' Coudet sucumbiu o sábado en Balaídos ante o acerto do Real Madrid, ao que lle bastaron sete disparos a porta —dous deles desde os once metros— para anotar catro goles e fulminar un Celta que segue a xerar máis dúbidas que certezas.

Non faltou á súa cita co gol Iago Aspas, que marcou nos seis partidos disputados até o momento —catro amigábeis e dous de Liga— e que co penalti transformado ante os de Carlo Ancelotti puxo o empate no marcador após o tanto inicial de Benzema, tamén desde o punto de castigo, logo da intervención do VAR por unha man de Tapia na área.

O Celta, como o propio estadio aínda en construción, empurrou na primeira metade tentando adiantar o Madrid coa alta presión e a intensidade características de Coudet, mais cunha evidente falta de acerto nunha sala de máquinas na que Óscar Rodríguez non acaba de achar o seu sitio.

Modric rematou coas esperanzas celestes cun potente —e acertado— disparo desde a media lúa

O perigo chegou principalmente desde o costado esquerdo, cun excelso Javi Galán que tentou bater Courtois e buscou a cabeza de Paciência, que estivo perto de desequilibrar o marcador. Porén, Modric asestou un duro golpe antes do descanso cun potente —e acertado— disparo desde a zona de tres cuartos.

Xa na segunda metade, os merengues demostraron o seu poderío no contragolpe da man de Vinícius, que ampliou a vantaxe após derrotar en velocidade un Hugo Mallo que non seguiu o seu ritmo. Fede Valverde, no minuto 66, sentenciou o encontro nunha nova contra que rachou as costuras da zaga celeste.

O Celta agarda a chegada dun dianteiro titular que apuntale a liña ofensiva

"Non perdoan nada. Teñen xogadores que son dos mellores en cada posición e a súa efectividade quedou clara", dixo Coudet, que tamén pediu "tempo" para asentar as fichaxes no once e pulir un estilo de xogo que "por momentos viuse ben" este sábado. Quen si perdoou foi Hazard, nun penalti detido por Marchesín —quen tamén neutralizou o posterior disparo de Benzema—, mais en nada mudou a derrota.

Coudet agarda agora a chegada dun dianteiro co cartel de titular mentres esvaecen as opcións de reforzar outras parcelas ante a enquistada saída de Denis Suárez.

O Lugo apaña un punto en Tenerife

Alberto celebra con Chris Ramos o tanto da igualada. (Foto: LaLiga)
Alberto celebra con Chris Ramos o tanto da igualada. (Foto: LaLiga)

Após perder os tres puntos nos últimos minutos da súa estrea ligueira fronte ao Albacete, o Lugo de Hernán Pérez chegaba a Tenerife co obxectivo de inaugurar a súa conta particular nun encontro que se antollaba complexo diante dun equipo que o pasado curso ficou ás portas do ascenso. O conxunto tinerfeño dominou e efectuou até oito disparos a porta, fronte a dous da escuadra albivermella.

José Ángel puxo o primeiro tanto no marcador aproveitando un torpe despexe de Neyder Lozano e os tinerfeños exhibiron o seu dominio da pelota... Até que no minuto 58 Álex Corredera recibiu o cartón vermello directo por unha dura falta cometida a Xavi Torres. Seis minutos despois Alberto igualou o partido rematando con precisión un balón colgado por Zé Ricardo. E Manu Barreiro anotou o segundo no minuto 70, mais foi anulado por un claro fóra de xogo.

Din que en Lugo hai que sachar... E Alberto, pasando de heroe a vilán, sachou: foi expulsado no treito final do choque por derrubar fortemente o branquiazul Dauda, que foi retirado do verde en padiola. Sen apenas tempo para máis, o partido rematou en empate.

Comentarios