Fútbol

ANÁLISE | A Federación Galega anuncia o regreso da Irmandiña masculina entre dúbidas e críticas

O lugar do partido, o técnico, a convocatoria e se xogará a selección feminina, grandes incertezas.
A afección, con independencia da data e do estadio no que se desenvolva, apoiará a Irmandiña, tal e como fixo nos seus últimos xogos (Foto: Siareiros Galegos).
photo_camera A afección, con independencia da data e do estadio no que se desenvolva, apoiará a Irmandiña, tal e como fixo nos seus últimos xogos. (Foto: Siareiros Galegos).

A selección galega de fútbol masculino regresará á acción oito anos despois da súa última actuación, un fugaz regreso para un choque contra Venezuela en 2016 no que unha Irmandiña que formou con Sergio Álvarez (Diego Mariño, '46); Jonny (Pape Cheikh, '66), Hugo Mallo, Álex Bergantiños, Angeliño; Fran Rico (Juan Domínguez, '46), Pedro Mosquera; Iago Aspas, Denis Suárez (Diego Alende, '75), Jota Peleteiro (Joselu, '46) e Lucas Pérez deixou escapar o triunfo sobre Venezuela a causa dun tanto sobre a bucina de Josef Martínez, que subiu ao electrónico de Riazor o 1-1 definitivo no minuto 92.

Desde entón, e a pesar de que a comezos de 2020 a propia Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) recoñecese a Nós Diario que estaba traballando no seu regreso, algo no que insistiría posteriormente en varias declaracións públicas o seu presidente, Rafael Louzán, non volveu saberse máis da selección nacional. Até agora.

Esta terza feira, a RFGF emitía un comunicado explicando que "a gran festa do fútbol galego" terá lugar o 31 de maio, sexta feira, ante, "logo de conversas e negociacións con diferentes federacións internacionais", a selección de Panamá, un combinado centroamericano que ocupa a posición 45 no ránking FIFA e no que o futbolista máis coñecido para a afección da Galiza moi probabelmente sexa Thomas Christiansen, ex xogador de clubs como Fútbol Club Barcelona, Osasuna, Vilarreal ou Oviedo.

Veo de silencio sobre a selección feminina

Con todo, esta volta da Irmandiña, non por celebrada, está exenta de críticas e dúbidas. En primeiro lugar, porque a RFGF  só se referiu á selección masculina, sen dicir nin unha palabra dun combinado feminino que, coas Vero Boquete, Tere Abelleira, Nuria Rábano, Pauleta e compañía tamén contaría "co mellor cadro de xogadores da historia", como salientou dos homes o organismo dirixido por Rafael Louzán.

Tamén se cuestiona o feito de que non se oficializase a sede do encontro, e que este teña lugar nunha sexta feira, e non durante a fin de semana nin nas datas tradicionais de Nadal polas que se optou durante o regreso da Irmandiña en 2007 e que tanto éxito tiveron, o que podería dificultar a asistencia ao recinto escollido.

Non se sabe, tampouco, quen estará á fronte da mesma desde o banco, pois o comunicado da RFGF non o especifica, dando só a pista de que o dúo Fran-Míchel Salgado non volverá facerse cargo de dirixir a selección galega, xa que fala expresamente de que en próximas datas comunicará o nome do seu "substituto". 

Dúbidas en Vía Galega

A plataforma social Vía Galega, que durante os anos 2021 e 2022 promoveu a iniciativa 'Galiza, un pobo, unha selección', que reivindicou a oficialidade das Irmandiñas nos diferentes deportes a través dunha exposición, unha revista, un xornal, un documental e unha Iniciativa Lexislativa Popular bloqueada polo PP no Parlamento, manifestou a Nós Diario que este abrupto regreso é "positivo" pero "insuficiente". "Semella que non lle deron a importancia que debe ter a selección galega", afirmou o seu portavoz, Anxo Louzao.

Máis en DEPORTES
Comentarios