Entrevista

Alberto Fernández, piloto de motociclismo: "Levo na miña moto a promoción do galego"

Ser piloto de motociclismo non é doado. Aínda menos se se ten unha discapacidade funcional. Alberto Fernández Boo leva desde hai máis de tres anos demostrando que é posíbel superarse e, ademais, difundir valores como o fomento da saúde mental ou a promoción da lingua galega no deporte.
O piloto Alberto Fernández Boo no podio e na moto (Foto: Nós Diario).
photo_camera O piloto Alberto Fernández Boo no podio e na moto (Foto: Nós Diario).

—Como valora a súa traxectoria no motociclismo? 
A idea principal da miña traxectoria, xa non só desde o ano pasado, senón dos tres anos e medio que levo, é sempre a mesma: transmitir una valores. Non é correr por correr. Trato de levar na miña moto, sobre todo, temas como a saúde mental, a igualdade de xénero, a promoción do galego e a visibilidade da discapacidade. Estes dous últimos están relacionados polo contexto no que vivo. Un pode caer nunha carreira ou non ter éxitos no deporte, mais o importante e estar aí. 

—E a súa actuación  esta pasada tempada?
Da mesma maneira que o Circuíto Leonés en 2021 saíu moi ben, quedando segundo por regularidade, este ano foi algo peor ao ter que mudar de moto na primeira carreira do campionato e adaptarme a unha Kawasaki. A última carreira foi en Burgos o 25 de setembro e estou moi contento con ela. Podo manobrar mellor e para os meus problemas de mobilidade é importante, por exemplo nas curvas. Subiume a autoestima. 

O cambio de moto tamén implicou melloras. A anterior pesaba 30 quilos máis, co que significaba de dificultade para movela estando parado ou en pista. Atopei unha que puidera gozar tendo as miñas circunstancias. Ao final é do que se trata. Esta pesa menos e sigo na mesma categoría, na de 300 cc mais con outra marca.

—Tivo que adaptala?
Si e non. Explícome. Eu non movo o pé dereito case nada polo que no estribo dereito, onde se apoia o pé, levo uns parafusos en punta para cravar o pé na bota e que non se mova para pór ben as posicións.

Ademais, as motos levan o freo no pé dereito e eu quiteino e púxeno como un apéndice para o polgar da man esquerda do guiador. Son as únicas adaptacións que lle puxen. O do polgar agora xa o fai todo o mundo por competitividade.

—Que tipo de adestramentos está a realizar para prepararse?
Fago tres tipos de adestramentos. Comecei co técnico, nunha escola deportiva e un monitor. Estaba en Outeiro de Rei mais ao vivir en Cambados tiven que deixar de ir polo seu custo económico. A nivel de circuítos, vou a Forcarei por ser o máis próximo. En todo caso, na Galiza os circuítos non están adaptados a este tipo de motos. Son estreitos e non teñen escapatorias. A seguridade non é a ideal. Tamén está a parte de ximnasio, cun adestramento funcional pola miña condición e con exercicios específicos para non agravar as miñas diferenzas, coller resistencia e evitar as lesións.

—Non compite nas carreiras oficiais para deportistas con discapacidade. Cal é a razón?
É certo que hai unha competición específica para deportistas con discapacidade mais eu non participo ao ser só para motos de 600 cc e 1.000 cc. Non vou mercar unha de 600 cc se realmente non aproveito unha de 300. Neste deporte non podes subir chanzos de golpe, tes que queimar etapas. Creo que a Federación debería repensar iso ao limitar o acceso a moita xente que non ten unha moto desas características.   

—Procura empresas patrocinadoras. É unha tarefa difícil? 
Cando remata unha tempada comezas a buscar patrocinios para a seguinte. Só procuro empresas que considero que comparten uns valores comigo. Se non promoven o galego non quero que estea no meu proxecto, por exemplo. Atópome moitas veces que as empresas queren resultados e pola miña condición non os van ter. Por iso, explico que coa súa axuda están visibilizando uns valores.        

Comentarios