O mototurismo mundial colle como referente a Volta á Galiza para a súa final

Juan Noguerol, campión do mundo e estatal, impulsa o evento Campionato Mundial de Mototurismo coincidindo coa Volta Motociclista a Galiza  2022 en outubro.
A Volta á Galiza de mototurismo este ano percorrerá as Rías Baixas e tamén os faros do norte (Foto: Club Moto Vigo).
photo_camera A Volta á Galiza de mototurismo este ano percorrerá as Rías Baixas e tamén os faros do norte (Foto: Club Moto Vigo).

O mototurismo é, se cadra, a versión que máis paixóns reúne dentro do mundo do motociclismo. A súa práctica pérdese no tempo cos inicios dos desprazamentos en motocicleta e están relacionados coa afección por viaxar neste vehículo.

Como disciplina deportiva transcende a mera competición ao non procurar a velocidade e mesmo poder practicarse con diferentes tipos de motos, sempre buscando a convivencia entre participantes e coa contorna que percorren. 

A Galiza conta na actualidade cun campión mundial, Juan Noguerol, que resume para Nós Diario o mototurismo como a unión entre “o pracer de rodar en moto co de viaxar”. Explica que como deporte naceu cando as federacións internacionais de motociclismo “se decataron que o mercado do touring era o que máis movía dentro do mundo da moto polo que crearon probas deseñadas especificas”.

Noguerol descubriu o mototurismo en 2018 ao realizar un proxecto para un fabricante de roupa italiana que gañou e un ano despois viaxaba por toda Europa como embaixador da marca. Após máis de 55.000 km, en Italia convidárono a participar no Campionato Mundial de Mototurismo.

Coincidindo co décimo aniversario do pasamento do seu pai, en 2020, realizou o Campionato de España cunha primeira proba na que participaron 35.000 motos. Nela coincidía, tamén, unha proba do Mundial.

“Non foi doado ao ter que desprazarme despois a Guatemala, moi lonxe, mais saímos líderes dese país”, relata. Conseguiu os títulos de campión estatal e mundial. 

Campionato mundial na Galiza

Ao tempo que recollía o título mundial en Mónaco, Juan Noguerol conseguía que a proba final do campionato mundial tivera lugar na Galiza. “Tiñamos claro que o paraíso que temos aquí era ideal para este evento que relaciona a moto co turismo”, sinala este vigués.

Por este motivo a Volta Motociclista á Galiza 2022, que este ano fai 40 anos desde as súas primeiras edicións alá polos anos 80, sumarase Touring Xacobeo 2022, a última proba do WTC  (World Touring Challenge) que este ano estará aberto por primeira vez a todo tipo de participantes e en todos os niveis. 

O evento deportivo contará con tres etapas e desde a organización, a cargo do Club Moto Vigo, lembran que se exixirá en todo momento cumprir coas normas oficiais de tráfico. A proba comezará o 7 de outubro coas verificacións  previas  tanto  técnicas  como administrativas  partindo desde diante do Pazo da Deputación de  Pontevedra na cidade do Lérez, cunha “prólogo optativa” que recorrerá O Morrazo.

O sábado 8 de outubro ás 9 horas comezará oficialmente  o Touring Xacobeo e a Volta Motociclista a Galiza  2022, cunha primeira etapa  desde o río Lérez que percorrerá todo o litoral das Rías Baixas até a Torre de Hércules, na Coruña. 

O domingo día 9 de outubro a saída realizarase no Campo da Feira de Cerceda, cunha saída neutralizada até comezar un roteiro polos faros do norte, pasando por San Andrés  de Teixido para chegar até Cabo Ortegal e Estaca de Bares. Desde alí seguirán até Compostela para rematar a proba.

Comentarios