Fútbol | 1ª RFEF

A afección do Lugo berrará o sábado "Tino, vaite xa!"

Convocada unha protesta contra o presidente albivermello.
A Federación de Peñas pide que no minuto 12 do choque ante a Real Sociedade B todo o Ángel Carro berre ao unísono "Tino, vaite xa!". (Foto: Europa Press).
photo_camera A Federación de Peñas pide que no minuto 12 do choque ante a Real Sociedade B todo o Ángel Carro berre ao unísono "Tino, vaite xa!". (Foto: Europa Press).

Lugo é unha caldeira, e non desas nas que se fai o polbo. A paciencia da afección do conxunto albivermella está máis que esgotada ante a deriva deportiva do equipo e a errática dirección dun Tino Saqués contra o que chaman a mobilizarse o próximo sábado.

Hai nove anos, na primavera de 2015, o empresario tornaba no máximo accionista do Club Deportivo Lugo após mercar por 1,6 millóns de euros as 150.000 accións que posuían a Deputación e o Concello da Cidade da Muralla, que unidas ás que xa posuía outorgáronlle o control de 57,91% dos títulos, porcentaxe que co paso do tempo non parou de aumentar até o preto de 75% que manexa na actualidade.

Desde entón, e compatibilizando a súa condición de máximo accionista coa de presidente, a súa xestión deu que falar dentro e fora do campo, pois as sucesivas permanencias que foron logrando -non sen sufrimento na maioría delas-  até a consumación do descenso a Primeira Federación no pasado 2023 víronse opacadas polo carácter temperamental de Saqués.

Isto queda demostrado coa cifra récord de 17 adestradores que desfilaron polo banco albivermello desde o verán de 2015. O último, Pedro Munitis, aguantou no cargo 168 días -só superados por seis dos seus colegas-, e viu como o despedían ás dúas da madrugada dun sábado logo de que o equipo apañase a súa primeira derrota da liga a domicilio.

A persoa escollida para substituír o cántabro foi o portugués Paulo Alves, quen aínda non foi quen de sumar un só punto nos tres partidos que leva á fronte do club e que, coñecendo a Saqués, debería ser consciente de que unha derrota o próximo sábado no Ángel Carro fronte a Real Sociedade B (19 horas) podería implicar o seu despedimento.

Todo isto, sumado á mala situación na táboa, pois o Lugo emerxe no posto 12 a seis puntos do play-off, levou a afección a dicir "basta" ante o "punto de non retorno" ao que cren aproximarse, segundo afirmou nun comunicado a Federación de Peñas.

No mesmo, logo de incidir na "situación económica crítica", pide que no minuto 12 do choque ante o filial donostiarra "o Ángel Carro sexa un clamor cun berro alto e claro: Tino, vaite xa!".

Comentarios