Fútbol

A PREVIA | O Dépor defende este sábado en Madrid o seu liderado na Primeira Federación

Sen fútbol en Primeira División, Segunda e Primeira Federación deparan unha fin de semana para aclarar as boas posicións de Dépor e Celta Fortuna na clasificación. O Arenteiro, pola súa parte, viaxará até Catalunya mentres que o Lugo recibirá ao Sestao. O Racing, por último, xogará na segunda feira en Albacete.
Adestramento esta semana do Dépor (Foto: RCD).
photo_camera Adestramento esta semana do Dépor. (Foto: RCD).

A pausa no fútbol de primeira división polos compromisos da selección estatal fai que esta fin de semana os protagonistas nas máximas categorías pasen a ser os equipos de Segunda e Primeira Federación. No primeiro caso, o único club galego da categoría, o Racing, deberá agardar á segunda feira mentres que en Primeira Federación este sábado mesmo terán lugar a maior parte de choques deportivos. 

Manter o liderado na clasificación

Comezando polos partidos deste sábado, o Dépor aspira a seguir sendo líder e para conseguilo terá que saír vitorioso da súa visita ao Raio Maxadahonda (Cerro do Espiño, 18 horas). O club da cidade herculina comezaba a semana coa baixa de David Mella e agora ten pendente a recuperación dun dos seus xogadores estrela: Lucas Pérez. Desta situación falou onte o técnico branquiazul, Imanol Idiakez, en rolda de prensa. “En función do que temos nós e o que ten o rival, tomarei decisións. Imos variar cousas, porque cada xogador ten os seus comportamentos”, asegurou.

Con todo, o vasco non quixo descubrir se Pérez viaxará  desta vez co resto do equipo. "Temos que valorar tamén se viaxa e decidir alí, hai que pensar en todo para que o rival non teña moitas pistas", sinalou. En relación aos últimos resultados, que remataron en empates, o técnico vasco segue asegurando que viu “ben ao equipo, non o parece, pero seguimos sendo líderes”. En relación ao rival, Idiakez sinalou que é “un equipo moi valente, que aposta pola pelota, por xogar desde atrás e presionar alto”. Neste sentido, alerta de que é un conxunto que aposta “por ir a polos partidos”. 

O Celta Fortuna, pola súa parte, buscará este sábado a súa primeira vitoria despois de dous empates consecutivos. Será fronte ao Fuenlabrada (Balaídos, 19 horas) e coa presenza de Fredi Álvarez como adestrador por primeira vez ante a súa afección na cidade olívica.

Os celestes manteñen opcións de ascenso ao situarse en quinta posición con 48 puntos mestres que os madrileños está situado en noveno lugar con 38 puntos. As cifras entre ambos os dous equipos son moi semellantes se se teñen en conta as 17 ocasións en que mediron as súas forzas. Os galegos gañaron en sete ocasións diante de seis por parte dos madrileños e catro empates. 

Visita a Catalunya do Arenteiro

Ao Arenteiro, pola súa parte, tocaralle viaxar até Catalunya para xogar este sábado ante o Sabadell (Nova Creu Alta, 20 horas). Nunha cómoda situación na táboa, sétimo clasificado con 40 puntos, os do Carballiño (capital da comarca homónima) vén de empatar ante o Maxadahonda na casa e comezan a ser conscientes da dificultade de aspirar a metas maiores nesta liga.

Pola contra, o seu rival precisa dos puntos para afastarse da zona de descenso da que lles separan dous puntos e sacaron ouro de Riazor cun empate a semana pasada. Se os galegos non contan con baixas por parte catalá non poderán estar Marcos Baselga e Nacho Bonet por lesión.

O Lugo sen baixas para conseguir os tres puntos

O encargado de fechar a participación galega na xornada 29 da Primeira Federación será o Lugo que recibirá na cidade amurallada o domingo ao Sestao (Ángel Carro, 19 horas). Onte, na comparecencia previa nas instalación do club, o adestrador albivermello, Roberto Trashorras, destacou as virtudes do equipo vasco e lembrou a importancia que ten un bo resultado para os intereses galegos. "Independentemente da clasificación, o Sestao River Club é un equipo que me gusta moito”, asegurou. Ademais, puxo énfase en que é “un rival complicado, que xoga moi ben ao fútbol e que ten xogadores que desequilibran arriba” polo que “a clasificación non reflicte o seu nivel".

Para este encontro o Lugo terá dispoñíbeis todos os xogadores polo que Trashorras admitiu que “estamos preparados para facer un bo partido e conseguir os tres puntos". En relación á estratexia a seguir, o técnico apuntou que "temos que atrevernos máis en ataque. Xeramos situacións, pero necesitamos finalizar moito máis e mellor". De inicio, o equipo galego mantense no medio da clasificación, con 37 puntos, mentres que o Sestao atópase con 28 en postos de descenso.

O Racing busca a seguridade dos 50 puntos

A xornada para os equipos galegos nas categorías superiores rematará na segunda feira, cando o Racing de Ferrol se enfronte ao Albacete (Estadio Carlos Belmonte, 20.30 horas). Para os xogadores de Cristóbal Parralo o primeiro obxectivo é chegar a ter os 50 puntos na clasificación, un “colchón” que lles permitiría deixar de pensar nunha hipotética loita pola permanencia e poder soñar con premios maiores.

O equipo galego chega cos ánimos arriba despois da súas vitoria nos últimos partidos ante o Valladolid e o Tenerife. Diante terá un rival complicado que quere evitar caer na zona de descenso da que está separado por un só punto.    

Comentarios