As lesións de Mella e Javi Moreno ameazan o Dépor e o Arenteiro

Baixas de importancia dos galegos na Primeira Federación.
Javi Moreno mancou o xeonllo. (Foto: Mesas Sport).
photo_camera Javi Moreno mancou o xeonllo. (Foto: Mesas Sport).

A xornada futbolística deste pasada fin de semana non foi a máis positiva para os equipos da Galiza, pois tan só o Arenteiro e o Deportivo feminino foron quen de facerse cos tres puntos.

Non obstante, máis alá dos empates e das derrotas, o peor foron as consecuencias negativas en forma de lesións padecidas por David Mella (Real Club Deportivo da Coruña) e Javi Moreno (Club Deportivo Arenteiro).

O branquiazul, peza fundamental na resurrección herculina, conducíndoo xunto con Lucas Pérez desde o décimo posto até o liderado da terceira categoría en apenas tres meses, tivo que abandonar prematuramente o choque contra o Nàstic de Tarragona a causa dunha escordadura de nocello. Esta, que será avaliada polos servizos médicos do club na mañá desta terza feira, podería custarlle a súa participación no choque do próximo sábado ante o Centre d'Esports Sabadell.

Máis grave semella a situación de Javi Moreno. O central ovetense da formación do Carballiño, absolutamente consolidado na titularidade na que é a súa primeira tempada defendendo as cores do conxunto galego, tivo que abandonar o terreo xogo en padiola tras aterrar mal logo dun salto na área do Arenteiro e, a falta de confirmación oficial, sufriría unha grave lesión no xeonllo da súa perna esquerda.

A Superliga negocia cos clubs ingleses

A Superliga, a competición continental alternativa á Champions League que promoven Real Madrid e Fútbol Club Barcelona, informou de que retomou as conversas para a incorporación dos principais clubs ingleses, logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea recoñecendo o "abuso de poder" da "posición dominante" de FIFA e UEFA no sector e autorizando a competencia no mesmo.

Comentarios