O Dépor suma a súa cuarta vitoria consecutiva en Las Gaunas

A de hoxe foi a cuarta vitoria consecutiva do Dépor, que non lograba unha xeira similar desde maio de 2022
Todo saíu rodado na primeira metade para o Dépor. (Foto: R. C. Deportivo)
photo_camera Todo saíu rodado na primeira metade para o Dépor. (Foto: R. C. Deportivo)

O Deportivo asinou en campo da SD Logroñés un partido redondo, no que non deu unha soa opción ao seu rival e deu continuidade ao seu bo momento cunha cuarta vitoria consecutiva que o deixa a catro puntos do liderado. 

Imanol Idiakez, técnico branquiazul, realizou dous cambios con respecto ao once que presentou o pasado domingo en Riazor ante o CF Fuenlabrada. Pablo Vázquez e Barbero entraron no equipo inicial en detrimento de Jaime e o sancionado Davo.

Todo saíu rodado na primeira metade para o Dépor, a pesar de que o partido comezou cun posible penalti de Ezkurdia sobre Diego Villares que o colexiado non castigou cando o cronómetro sinalaba o minuto 7.

Pouco tardou en abrir a lata o Deportivo. No minuto 10, Mella gañou a liña de fondo desbordando ao seu par e serviu ao punto de penalti para Barbero. O dereitazo do '9' foise ao pau, e o rexeite da madeira caeu a Lucas que, completamente só e a pracer, levou o coiro ao fondo das mallas.

 

A seguinte chegada clara dun Dépor que dominaba con superioridade tamén se traduciu en gol. Mella golpeou coa zurda desde 25 metros após recortar cara a dentro. Após rozar levemente no pé dereito de Paredes, o balón superou por riba a Iruarrizaga. Foi o cuarto gol do curso para o canteirán, segundo no campionato ligueiro, para empezar a abrir unha brecha definitiva no marcador cando aínda transcorría o minuto 19.

O SD Logroñés estirouse perto da media hora, para achegarse en dúas boas oportunidades. No minuto 28, após un pase en profundidade do italiano Miceli para o austríaco Schmerböck, que bateu de zurda rozando o recanto. Dous minutos despois, nun dereitazo raso de Óscar após unha internada pola dereita que Germán atrapou con seguridade.

O Dépor volveu golpear pouco despois. Corría o minuto 32 cando un pase do porteiro Iruarrizaga cara ao seu mediocampo interceptouno Diego Villares. O villalbés encarou ao gardameta e cedeu cara á súa dereita cun suave toque para Lucas, que con só dous defensas baixo paus fixo o seu segundo tanto da tarde. Con este dobrete, o '7' deportivista suma 7 goles no presente curso, 6 en Liga, e 49 como deportivista, que o sitúan a un paso dos 20 elixidos que alcanzaron o medio centenar nestes 117 anos de historia.

Por se había algunha dúbida, aos cinco minutos da segunda parte o Dépor fixo o cuarto. Jaime, que tras o descanso substituíu a Ximo Navarro, atopou cun pase en profundidade a Lucas, que no man a man con Iruarrizaga cedeu para que Barbero anotase a porta baleira. Foi o segundo tanto do curso para o dianteiro, primeiro trala súa larga baixa por lesión.

Nos seguintes minutos, os branquiazuis puideron asinar unha goleada de escándalo. Mella serviu desde a dereita para Barbero, que se lanzou con todo pero só puido rozar a pelota e non dirixila á portería, no minuto 53. No 55, de novo Mella serviu en profundidade para o desmarque de Yeremay, cuxo dereitazo cruzado raso detivo Iruarrizaga en dous tempos.

A mellor ocasión local chegou no minuto 62, nun ataque pola esquerda que concluíu cun zurdazo de Salgado desde dentro da área, á dereita da portería de Germán.

Jose Ángel probouno de volea desde 25 metros, no minuto 64. A pelota saíu moi centrada e Iruarrizaga capturouna de novo en dous tempos. Dous minutos despois, Mella buliu para acabar estrelando o coiro no exterior do pau dereito do portal rioxano. Nunha acción similar pero pola outra banda, no minuto 73, Yeremay disparou á esquerda da portería local desde o bordo da área.

A pouco máis de dez minutos do final chegou o quinto. Lucas sorprendeu a todos sacando unha falta en tres cuartos para o desmarque de Raúl Alcaina, que gañou por velocidade a Trespalacios e meteu a punteira para superar a saída do gardameta rioxano. O dianteiro valenciano estreou a súa conta particular antes de cumprir os 15 minutos no campo no seu debut como deportivista.

Pouco despois produciuse outro debut, o de de Quintero, substituíndo a Lucas, autor de 2 goles e 2 asistencias esta tarde.

Facía algo máis de 20 anos que o Dépor non gañaba por cinco goles fóra de casa. A última vez foi o 3 de xaneiro de 2004, cando se impuxo por 0-5 ante o RC Celta de Vigo en Balaídos.

A de hoxe foi a cuarta vitoria consecutiva do Dépor, que non lograba unha xeira similar desde maio de 2022. O equipo deportivista só perdeu 1 dos últimos 12 partidos, nos que sumou 27 dos 36 puntos posibles.

Tras o empate da SD Ponferradina ante o Unionistas CF de Salamanca e a vitoria do Gimnàstic do Tarragona fronte ao Real Unión Club de Irún, os branquiazuis quedan a 4 puntos do liderado, agora en poder do conxunto catalán.

Comentarios