Fútbol | 1ª RFEF

O fútbol venezonalo, de pesca na Galiza: o Arenteiro queda sen Miku

O dianteiro orixinario de Venezuela marcara un de cada cinco goles do equipo do Carballiño.
A baixa de Miku é das que doen. (Foto: CD Arenteiro)
photo_camera A baixa de Miku é das que doen. (Foto: CD Arenteiro)

O fútbol non é o deporte nacional en Venezuela, opacado polo béisbol, mais de alí saíron xogadores do nivel de Dudamel, Rosales, Arango, Salomón Rondón, Rincón e, por suposto, Nicolás Ladislao Fedor Flores, máis coñecido como Miku.

Aos seus 38 anos o dianteiro caraqueño continuaba facendo no Arenteiro o que mellor sabe, marcar goles, como acredita a súa condición de décimo máximo realizador do Grupo 1 da Primeira Federación.

Non obstante, o conxunto do Carballiño deberá buscar un substituto para o autor de 20% dos seus tantos no que vai de tempada, pois máis de dúas décadas despois de que fixera as maletas buscando o éxito en Europa Miku regresa á súa Venezuela natal.

A escuadra galega revelou esta cuarta feira un segredo a voces, que o Academia Puerto Cabello, club de Carabobo que disputa os seus partidos como local no Complexo Deportivo Socialista, será o novo fogar do '7' logo de que pagase a súa cláusula de rescisión para contar cos seus servizos nun Torneo Apertura que comeza tan cedo como mañá.

Soriano ratifica Idiakez

Continuando na categoría de bronce, o cuestionado director deportivo do Dépor,  Fernando Soriano, ofreceu unha rolda de prensa na que ratificou outro home moi criticado por un sector da parroquia branquiazul, o adestrador Imanol Idiakez. "Demostramos a confianza que temos no míster. Superamos situacións difíciles e a confianza podédela ver no que pasou até o de agora. Eu digo si [á súa continuidade], manifestou.

Comentarios