A andaina de Castelao por Europa chega ao cómic de man de Inacio e Iván Suárez

Máis Alá, o terceiro volume dunha serie biográfica, aterrou nas tendas do país coeditado por Demo Edicións e a libraría Kómic. Esta nova entrega repasará a estancia en París do histórico nacionalista e a súa relación coa arte da vangarda. O IV Encontro das Irmandabades da Fala  e as conversas con Manuel Antonio arredor do manifesto Máis Alá moverán a acción na Galiza. 

Autores do cómic biográfico sobre Castelao.
photo_camera Autores do cómic biográfico sobre Castelao.

Tralo éxito de Titoán, premio Castelao de Banda Deseñada 2001, e de Pobre Tolo, Máis Alá chega ás tendas do país como continuación dunha serie biográfica da que se agardan un total de oito números. Os responsábeis de levar á vida do histórico escritor, debuxante e político nacionalista á banda deseñada son Inacio Vilariño, á pluma, e Iván Suárez, no trazo. Este minucioso traballo de documentación bebe tanto dos ríos de tinta que correron arredor da figura de Castelao coma dos seus propios escritos. No caso de Máis Alá será O Diario, primeiro artigo que Castelao escrebe para a revista Nós como crónica da súa estancia por Europa, o que configure a materia prima.

Grande parte deste terceiro volume céntrase na viaxe que Castelao fixo a París, momento no que se pon en contacto coas últimas tendencias da arte contemporánea nunha época na que as vangardas desafiaban os postulados artísticos dominantes. Neste senso Inacio, sobre quen recaeu o traballo de documentación, afirma sentirse “contento” co resultado. “Sempre me  chegara a idea por parte dalgúns críticos da arte galega de que Castelao fora negativo para a arte contemporánea; eu, dalgunha maneira, quixen poñelo no seu lugar e demostrar que coñecía os movementos máis vangardistas, que estivera alí e se empapara deles, pero que esa estética non lle interesaba para o que el quería facer na Galiza”, explica o guionista. 

Para recrear o París da época, Iván Suárez botou man do traballo do fotógrafo parisiense Eugène Atget nun estilo gráfico con reminiscencias ao Hugo Pratt de Corto Maltés. Aliás, cuns referentes que flutúan dende Mattotti até Breccia, as súas atmosferas impóñense nunha inspiración maiormente expresionista.

Paralelamente á estancia en París, a acción transcorre en Pontevedra onde o fillo de Castelao permanece enfermo. A dor pola distancia co ser querido e coa terra, fará de fío condutor para un relato psicolóxico trazado cunha liña narrativa múltiple. 

Manuel Antonio, Máis Alá e as Irmandades da Fala

Para apoiar a súa tese dos lazos que Castelao teceu coa arte vangardista, Inacio Vilariño rescata a relación que mantivo co poeta Manuel Antonio tamén oriúndo de Rianxo. “Castelao ofreceu unha grande axuda a Manuel Antonio para que escribira o manifesto Mais alá; nas cartas vese como o anima e o apoia cando edita o manifesto, a pesar das críticas recibidas pola establishment da cultura galega”, defende Vilariño.

Amais, a trama trasládase a Monforte para relatar o IV Encontro das Irmandabades da Fala. Alí se moveu tamén o guionista para coñecer o lugar no que se tirou a famosa fotografía do encontro, nas inmediacións do castelo. “Quixen retratar esta asemblea por ser o punto no que se produciu a escisión entre os de Ourense e os de Coruña e por ser unha etapa na que Castelao estaba moi absorbido pola perspectiva de Risco”, explica. 

As orixes do proxecto

Malia Titoán ser o segundo volume en se editar, nel descansa a orixe do proxecto. Tal e como relata Inacio, a iniciativa “non naceu concibida para percorrer a vida de Castelao senón para contar unha historia de monicreques, para o que se botou man do relato Peito de Lobo.  “O do xénero biográfico xurdiu porque había que sustentar este relato que abranguía 10 anos da súa vida”, explica o guionista. 


Pola súa banda, n' O pobre tolo elixiuse o Adro de Sempre en Galiza para enmarcar a historia cronoloxicamente, tecido mediante as cartas que envía Castelao dende Badaxoz á Nosa Terra. “Interesounos esta etapa tanto porque había moita parte emocional coma porque retrataba a imaxe que máis callou do personaxe, a época do Castelao político, na que xa tiña un compromiso moi grande co nacionalismo e xa era unha figura moi central e moi centrado el tamén”. 

O seguinte tomo recorrerá a vida do autor e debuxante arousán dende o ano 1934, data do seu ingreso na Real Academia Galega, até atrás, percorrendo os seus anos de debuxante humorístico e político na prensa galega até a súa relación con Valentín Paz Andrade. 

Comentarios