Castelao centra o primeiro número da serie 'Esenciais' do Museo de Pontevedra

Nacen uns monográficos que pretenden informar con rigor e de maneira "amábel" sobre os contidos que garda a institución. 
Ángela Comesaña, X.M. Rey, César Mosquera e J. M. Castaño (Foto: Rafa Estévez).
photo_camera Ángela Comesaña, X.M. Rey, César Mosquera e J. M. Castaño (Foto: Rafa Estévez).

O Museo de Pontevedra presentou onte unha nova colección de publicacións denominada 'Esenciais' que pretende divulgar, de maneira amena e didáctica, información sobre os seus fondos e temáticas máis importantes. Para o primeiro exemplar escolleron a Castelao, figura destacada no nacemento do Museo e a única na actualidade á que a entidade ten dedicadas de forma monográfica dúas salas expositivas como artista.

A obra, titulada 'Castelao no Museo de Pontevedra', deuse a coñecer nun acto no que participaron o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a responsábel de Publicacións Ángela Comesaña e o coordinador de Difusión e Contidos Divulgativos e autor dos textos, José Manuel Castaño

Colección accesíbel

A colección está pensada para un público non especialista e teñen un formato manexábel e cómodo. Cada dez exemplares monográficos porase a disposición unha caixa contedora para as persoas que os queiran coleccionar.

Os idiomas dispoñíbeis serán o galego, o español e o inglés, "para saír ao mundo máis internacional", en palabras de Ángela Comesaña. A saída á rúa iníciase cunha tirada de 500 exemplares en galego que moi probabelmente precisen dunha reedición. O prezo para o público será de dez euros. 

Castelao no Museo

O coordinador de Difusión e autor dos textos de 'Castelao no Museo de Pontevedra', José Manuel Castaño, explicou que o autor rianxeiro é o protagonista da primeira publicación porque, xunto aos fondos arqueolóxicos, son as 'chaves' no eido educativo da institución.

Subliñou que o texto non busca presentar ao autor de forma cronolóxica, senón en función de como están artelladas as salas dedicadas a el no Museo coa intención de ver como está estruturada a súa colección visíbel, ademais de coñecer parte dos fondos que están nas salas de reserva. 

Renovar política editorial

Para César Mosquera, esta colección coloca ao Museo de Pontevedra á vangarda de algo que está esquecido no mundo da arte, que é "a unificación do rigor científico e o coidado da parte divulgativa".

Pola súa banda, o director Xosé Manuel Rey, salientou que a colección  xorde do desexo de "renovación da política editorial" que vén levando adiante o Museo. Destacou neste sentido que xa está en marcha o segundo número de 'Esenciais', que versará sobre o Tesouro de Caldas.

Comentarios