A Igrexa insiste na natureza relixiosa do Panteón de Galegos Ilustres

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de recibir a autorización do Arcebispado de Santiago de Compostela para realizar a tradicional homenaxe a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Porén, a institución eclesiástica pon unha condición: que se respecte a "natureza eclesiástica do templo".
Panteón de Galegos Ilustres (Foto: Museo do Pobo Galego)
photo_camera Panteón de Galegos Ilustres, en Compostela. (Foto: Museo do Pobo Galego)

San Domingos de Bonaval pasou a ser propiedade do Concello de Santiago de Compostela en 1837 coa Lei de Desamortización de Mendizábal, e volveu ter titularidade eclesiástica á morte do ditador Francisco Franco, cando unha sentenza insólita lle outorgou a titularidade ao Arcebispado de Santiago de Compostela.

Durante este período no que o espazo foi laico foron trasladados os restos de persoas relevantes do pobo galego. O 25 de maio de 1891 os restos de Rosalía de Castro foron trasladados desde o cemiterio de Adina (Padrón) até San Domingos de Bonaval a iniciativa do Centro Galego da Habana, o Comité Rexionalista e a Sociedade de Amigos do País.

Motivábaos a necesidade de depositar os seus restos coa relevancia que merecían, á par de realizar unha homenaxe pública do conxunto do pobo galego á súa figura e á súa obra fundacional. Foi o xermolo dun Panteón de Galegos Ilustres ao que máis tarde serían trasladados tamén os restos de Ramón Cabanillas, Francisco Asorei e Domingo Fontán. En 1984 sumaríase a esta listaxe de nomes o traslado dos restos de Castelao desde o cemiterio bonaerense da Chacarita. 

Institucionalización

Existe, polo tanto, unha institucionalización real —aínda que non formal desde o punto de vista legal— de San Domingos de Bonaval como Panteón de Galegos Ilustres. 

En xullo de 2010, o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o arcebispo de Santiago no momento, Julián Barrio, asinaron un convenio que permitía incluír a visita ao Panteón dentro do funcionamento do anexo do Museo do Pobo Galego e que outorgaba á Xunta da Galiza o dereito a utilizar o espazo para a realización de actos institucionais en cinco ocasións ao ano, insistindo xa daquela en que se respectara "a natureza da Igrexa". Porén, o acordo obriga a Xunta a asumir os custos de manter aberto ao público o espazo.

Desde ese momento, tanto colectivos culturais e civís como partidos políticos reclaman de maneira periódica que o Panteón de Galegos Ilustres sexa declarado un espazo laico, de uso civil, con garantías de acceso e homenaxe sen censuras ás personalidades que alberga, unhas condicións que non están garantidas na actualidade. Tanto é así que é o Arcebispado quen decide que actos se poden realizar e cales non, tendo en conta unicamente criterios relixiosos. 

O Consello da Cultura Galega (CCG) chegou a presentar no Parlamento unha proposta de Lei do Panteón da Galiza que o configuraba como "unha entidade de Dereito Público, parte do patrimonio inmaterial do pobo galego" adscrita ao Parlamento. Foi unha iniciativa que o CCG elaborou xunto coa Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e as fundacións Rosalía de Castro, Castelao e Alfredo Brañas. A proposta aceptada polo Partido Popular (PP) pero nunca chegou a lexislar a iniciativa.

Tamén o Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou no Parlamento unha Proposición non de lei na que reclamaba que a Xunta negociase coa Igrexa a cesión do Panteón para recuperar a titularidade pública e preservar o seu uso civil. A formación acusaba o Executivo galego de presentar unha actitude timorata e de non adoptar decisións que solucionasen o "desleixo" que sofre un dos símbolos nacionais da Galiza. A iniciativa do BNG foi rexeitada tanto polo PP como polo PSdeG, que recoñecían así os dereitos da Igrexa sobre o recinto.

Asociacións e colectivos que programan as homenaxes á e aos galegos ilustres denuncian os intentos de coerción do Arcebispado á hora de autorizar o uso do Panteón e reclaman a titularidade pública do espazo. É o caso da AELG, que homenaxea Rosalía de Castro no día do seu nacemento; de Galiza Nova, na súa homenaxe a Rosalía e Castelao; e das fundacións asinantes da proposta do Consello da Cultura Galega.

Comentarios