O ‘Alba de Gloria’ de Castelao escoitouse de novo no Pico Sacro

As asociacións O Galo, de Santiago, e Vagalumes, da Estrada, izaron outro ano máis a bandeira galega no seu cumio.

Colocación da bandeira galega no cumio do Pico Sacro o 23 de xullo de 2022 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Colocación da bandeira galega no cumio do Pico Sacro este 23 de xullo (Foto: Nós Diario).

O Pico Sacro foi protagonista, un ano máis, da lectura do discurso Alba de Gloria de Castelao coincidindo coa subida que realizou o rianxeiro cun grupo de amigos, algúns deles integrantes das Irmandades da Fala, en xullo de 1924.

A iniciativa partiu da Asociación Cultural O Galo de Santiago e a Asociación Vagalumes da Estrada reuniu a un numeroso grupo de persoas que se deron cita este sábado ás 12 de mediodía diante da capela de San Sebastián.

Cun pequeno acto de benvida, a cargo da escritora e activista Adela Figueroa, comezou a xornada que consistiu na subida do último treito do Pico Sacro.

Unha vez no cumio, procedeuse cá lectura do Alba de Gloria de Castelao, izouse a bandeira galega e interpretouse o Himno Nacional.

Durante o descenso, as persoas participantes coñeceron algunhas das lendas que existen ao redor da cova da Raíña Lupa.

As persoas asistentes continuaron até a carballeira do val do Ulla  para un xantar colectivo que rematou cunha visita guiada polo patrimonio natural e construído do concello de Silleda.

O ascenso ao Pico Sacro desenvólvese desde 2011 -ano en que se conmemorou o 125 aniversario de Castelao- o sábado previo ao Día da Patria Galega para reivindicar o carácter nacional da Galiza.

Desta maneira, O Galo e Vagalumes reproducen o percorrido de Castelao até o cumio en 1924 e ao que simbolicamente volveu, anos despois, cando escribía Alba de Gloria.

Comentarios