Camilo Nogueira: "Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza"

Camilo Nogueira Román (Vigo, 1936) é unha persoa imprescindíbel para entender a Galiza actual. Enxeñeiro, economista e veterano militante nacionalista vén de recibir esta semana a Medalla Castelao. En conversa con Nós Diario, analiza que supón este galardón e achega a súa visión sobre a situación actual do país.

Camilo Nogueira, nunha entrevista de 2016. (Foto: Nós Dairio)
photo_camera Camilo Nogueira, nunha entrevista de 2016. (Foto: Nós Dairio)

—Na terza feira recibiu a medalla Castelao. Que significa para vostede que a Xunta da Galiza o premiase con este galardón?

É todo un proceso. Eu mesmo, estando no Parlamento, procurei que os restos de Castelao retornasen da Galiza para aquí e ocupase o lugar que lle correspondía, superando a oposición de moita xente que negaba esa posibilidade.

Por iso agora temos Castelao a disposición de toda a sociedade no propio país. Castelao demostrou ser unha persoa de capacidade extraordinaria, dixo o que era Galiza, non hai máis que ler os seus libros para darse conta de até que punto Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza.

—O premio que acaba de recibir representa unha homenaxe a toda unha traxectoria de servizo á Galiza que arranca a comezos da década dos 60 e que comeza no fogar familiar, ao carón do seu pai, o escultor e militante nacionalista Camilo Nogueira Martínez. Como ve a Galiza actual?

Para min, Galiza é Galiza, Portugal e o Brasil. Penso nos problemas que temos estritamente na Galiza, no mesmo Estado español, do que moitas galegas e galegos teñen que marchar, e vexo Galiza desde o fundamento da Galiza de aquí, e tamén vexo Portugal, que non é máis que unha forma da Galiza, e vexo o Brasil, que tamén fala galego.

Neste sentido, non se pode ver Galiza unicamente desde o espazo actual que é o fundamento e sempre o será. Hai que ter en conta o que nós somos, e que temos unha capacidade que nos achega a unha parte fundamental do mundo e, incluso, os galegos que non están no país, que están residindo en diferentes lugares de Europa, seguen sendo eles.

—Precisamente esta semana volveuse colar no centro da axenda política galega a reforma do Estatuto, tras reclamala nacionalistas e socialistas nos actos conmemorativos do Estatuto de 1936. Coa experiencia que dá ter participado en diferentes proxectos de elaboración do mesmo, cales cre que deben ser as liñas mestras que a Galiza precisaría para o século XXI?

Eu espero que no próximo futuro, quen encabece o Goberno galego sexa xustamente unha persoa, unha muller que nos define e iso dános unha grande oportunidade para que a Galiza quede vista, pois, con outra potencia. Nesta liña, agardo que se traduza en máis peso para o país.

—Sempre foi unha persoa optimista, pero consciente das fortalezas e das debilidades do país. Nesa liña, cales son os principais problemas que enfronta a Galiza a curto e medio prezo e, nesa secuencia, cales serían tamén os seus grandes retos?

Se non se é optimista na vida, non se pode vivir. Na Galiza engánchanse dúas cuestión fundamentais. Primeiro, que no mundo -en España non porque son incapaces de comprender nada disto- Galiza ten, tanto pola súa lingua en particular como por todo en xeral, unha perspectiva mundial.

E Galiza, ao mesmo tempo, estando aquí, ten un papel fundamental na propia Europa. Por exemplo, cando eu estaba no Parlamento europeo falaba sempre en galego. Así que temos, por un lado, unha presenza importante en Europa e, por outro lado, temos unha presenza particular, específica, que nos permite desde aquí estar no mundo. E esa visión hai que mantela continuamente para que a xente a comprenda e acompañe.

A traxectoria de Camilo Nogueira

É fillo de Camilo Nogueira Martínez, un escultor e nacionalista vigués que militou nas Irmandades da Fala e ocupou responsabilidades políticas no Partido Galeguista.

Ligado desde os anos mozos ao movemento nacionalista, Nogueira Román foi un dos fundadores en 1969 de Galiza Socialista, un colectivo con particular incidencia no movemento obreiro, que rematou por integrase na UPG a comezos de 1972. Dirixente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), impulsor do Partido Obreiro Galego (POG) en 1977 e creador de Esquerda Galega (EG), acabou facendo parte do BNG na segunda metade da década dos 90. Enxeñeiro e economista, deputado na Cámara galega e no Parlamento Europeo é autor dunha variada bibliografía, destacando os seus ensaios de temática económica e sobre o Reino da Galiza.

Comentarios