Unha ducia de espectáculos fechan o festival Atlántica

Por primeira vez na súa historia, Atlántica levará un espectáculo a Portugal, concretamente a Pitões das Júnias.
Celso Sanmartín contando en Ribeira o 6 de xullo.
photo_camera Celso Sanmartín contando en Ribeira o 6 de xullo.

O Festival Atlántica pon o ramo á súa undécima edición cunha ducia de actividades por todo o país e estreándose en Portugal cun espectáculo. As actividades estenderanse por Santiago de Compostela, Teo, Ferrol, Paderne, Dodro, Boiro, Carnota e Outes. 

A programación do sábado en Santiago prevé dúas actividades. A primeira, ás 12 horas, vai ser unha das citas máis fieis do festival: o espectáculo na praza de Cervantes con Luís Prego, un convite para bailar e celebrar a gran festa dos contos que é Atlántica. Xa pola noitiña, ás 21 horas, Tralalareira de Vero Rilo e Santi Cribeiro, finaliza esta edición na fortaleza da Rocha Forte.

Por toda a xeografía

Mais antes desta clausura oficial, os artistas de Atlántica van actuar en numerosos puntos da xeografía galega. Así, no concello de Teo, Paco Nogueiras e os seus Contos a centos deleitarán as crianzas (20 horas, Campo de San Domingo, Calo) e algo despois, ás 21 horas, será o zamorano José Luis Gutiérrez 'Don Guti' quen comparta co público adulto as Historias de filandar (Cuberto de Cebeiro, lugar de Penelas, Cacheiras). 

Manuel Gago levará os máis madrugadores, ás 9.30 horas, até o cumio do Monte Pindo de Carnota nun roteiro, O monte das grandes historias, polas súas localizacións máis icónicas e os espazos menos coñecidos. 

En Ferrol, o feche estará a cargo da narradora Charo Pita (12 horas, Centro Cívico de Canido) e de Cándido Pazó (21 horas). Charo Pita, achegarase até Paderne ás 20.30 horas para brindar unha sesión de Retratos en branco e negro no campo da festa de Samede. 

En Outes estará Dani Blanco con Murmuraban as miñas veciñas (20.30 horas, Largo do Eiró) e en Dodro estará Rosa Gonçalves e a súa Rodela de cantos e contos (21 horas). E en Boiro, será o cubano Pedro Mario López quen actúe para o público adulto ás 21.30 horas. 

Pitões das Júnias 

E ademais, neste sábado vai ter lugar a primeira función de Atlántica en Portugal, concretamente en Pitões das Júnias, onde o festival participará nos actos de conmemoración dos 750 anos da vila coa actuación de Vítor Fernandes e Estefânia Surreira, ás 21 horas, no Espazo Museístico da Carpintaría de ribeira en Broña).

Comentarios