A XI edición do festival Atlántica amplía fronteiras

24 sedes acollerán a representación de 42 espectáculos.
Presentación do festival onte en Santiago de Compostela. (Foto: Festival Atlántica)
photo_camera Presentación do festival onte en Santiago de Compostela. (Foto: Festival Atlántica)

O Festival Internacional de narración oral Atlántica anunciou onte o programa completo da súa undécima edición, que decorrerá entre o 1 e o 9 de xullo. Na presentación das actividades participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Compostela; Soledad Felloza, directora de Atlántica; Anxo Lourenzo, director Xeral de Cultura da Xunta da Galiza; e representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Na súa intervención, Felloza salientou o carácter cada vez máis internacional de Atlántica, "non só polos convidados, senón tamén pola estrea de sede en Portugal, concretamente en Pitões das Júnias, en Montealegre, onde o festival participará nos actos de conmemoración dos 750 anos da vila".

Congratulouse tamén de que Atlántica siga a afondar "no obxectivo de que a cultura de calidade non só é para as cidades e debe chegar tamén ao rural, buscando a descentralización dos circuítos culturais, dos espazos e das artistas".

Programación

Os 42 espectáculos desta edición chegarán até 24 sedes repartidas por todo o territorio galego e representaranse máis de 80 funcións en escenarios tan vinculados aos contos como os lugares tradicionais de traballo (lavadoiros, carpintarías, eiras, carballeiras...). 

Fiel á filosofía do encontro, a maioría das e dos 38 artistas convidadas son estatais e tamén mulleres. Mais no programa figuran o cubano Pedro Mario López, os portugueses Luís Correia Carmelo, Rosa Gonçalves e Estefânia Surreira. A lista complétase con case unha trintena de narradoras e narradores galegos habituais do festival: Quico Cadaval, Cándido Pazó, Charo Pita, Vero Rilo, Atenea García, Bea Campos, entre outras. Tamén haberá espazo para a música, con Ugía ou Pakolas.

Comentarios