Cándido Pazó: "Interésame que me conten cousas para logo volvelas contar transformadas en produtos escénicos"

O espectáculo Cigarreiras, de Contraproducións, fíxose co Premio do Público da 30ª Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Dirixida por Cándido Pazó, a obra conseguiu o voto dos espectadores para consolidarse como a mellor representación do Programa de Sala. 
cándido pazó
photo_camera O director, actor e contacontos defínese a si mesmo como un "traficante de historias". (Foto: Cedida)

Como recibiu o equipo este recoñecemento?

Con moita alegría. Era a terceira función, entón ter un recoñecemento dese tipo tan axiña dá moitos ánimos para comezar a xira. Ademais, Carballo é un dos festivais de referencia no circuíto galego. Xunto con Ribadavia quizais sexan os máis importantes. O público ve moito teatro, acoden compañías de nivel internacional e é realmente moi complexo que o público acabe recoñecendo o teu espectáculo. Quedar como o mellor é algo que nos sitúa nunha posición de confianza co que facemos. 

Sobre que versa 'Cigarreiras'?

Trátase dunha historia cívica, que é a das mulleres obreiras da fábrica de tabacos da Coruña. Protagonizaron a primeira folga feminina que houbo no Estado no século XIX e a primeira das que se ten coñecemento na historia. Tamén podemos descubrir a historia persoal e tráxica dunha traballadora concreta (Amparo), que ten unha relación cun home dunha clase social máis alta que e que, a pesar da súa confianza en que todo saia ben, acaba supoñendo un problema. Logo, arredor de todo isto hai un contexto histórico coa Revolución de 1868, a caída da raíña da Dinastía dos Borbóns e a chegada da I república española.

Por que cre que tivo tan boa acollida por parte do público?  

Eu trato de facer sempre un teatro moi directo, que dialogue co público dunha maneira que este poida conectar, de signo aberto, de códigos que se comparten e que, ao mesmo tempo, esperte emocións. Ocorre tamén que Carballo non deixa de estar perto da Coruña, onde a memoria colectiva relacionada coa fábrica de tabacos aínda está moi viva. De feito, na función había algunhas mulleres que traballaran alí antes de que botase o peche. Imaxino que o conxunto de todo isto, ademais de que hai unhas actrices incríbeis, que fan vibrar co seu traballo ao público. Tamén a historia da que partimos de Emilia Pardo Bazán... todo contribúe a que o espectáculo funcione.

Ademais de director e actor, tamén é contacontos. Segue a desenvolver esa faceta?  

Eu son, en xeral, un contador de historias e para facelo emprego moitos métodos. Un deles é estar eu só coa miña palabra e outro é colaborar con outras compañías. Logo, normalmente teño a miña propia compañía. No seu momento foi 'Ollomoltranvía', despois 'Abrapalabra' e logo esta derivou en 'Contraproducións'. É preciso ter unha plataforma para que os teus textos e os teus espectáculos poidan chegar ao palco e ao público. Pregúntanme moitas veces sobre esta variedade de ocupacións e eu sempre digo que son distintas augas dun mesmo río, que é o río da actividade escénica. Forma parte desa actividade que se expresa dunha maneira ou doutra e que case sempre precisa ámbitos ou formas para poder concretarse.

De feito, cando envío un correo electrónico vai asinado cunha especie de logo que di “Cándido Pazó, traficante de historias”. A min o que me interesa e que a xente me conte cousas e logo eu contalas de novo transformadas en produtos escénicos.

Cal cre que é a situación actual do panorama teatral galego?  

A actividade durante a pandemia baixou e agora estase recuperando. Ademais, na medida na que se está recuperando é xustamente nese territorio, no de contador de historias, xa que mobilizas moitos menos recursos. No teatro tamén, pero é moito máis complexo e máis caro, polo que a súa recuperación vai un pouco máis lenta. En grande medida, estanse redefinindo as estruturas. Aínda vai haber que esperar uns meses para ver se realmente hai un antes e un despois do que foi a pandemia ou se simplemente foi un punto e seguido. Agora mesmo é todo un pouco incerto.

Comentarios