O Festival Atlántica celebra o Día da Narración Oral

As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nelas participan tamén -nas cidades correspondentes- Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes de NOGA, a asociación de profesionais da Narración Oral de Galiza.
Quico Cadaval.
photo_camera Quico Cadaval.

A XI edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. O 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vaise desenvolver en múltiples puntos da Galiza grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA. 

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lalín, e outras moitas localidade do país. 

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo, Atenea García, Raquel Queizás, Dani Blanco, Carlos Rebolo, Charo Pita, Ángeles Goás, Cris Collazo, Olga Abad, Celso F. Sanmartín, Ana Meilán, Ramiro Neira, Pablo Díaz, Larraitz Urruzola, Cris de Caldas, Carme Domech, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento e a Street Band. 

Nesta edición o histórico narrador, mestre de narradores, escritor e director de teatro José Campanari é o autor do Manifesto, un texto que chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros ao redor dunha mesa, para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

Unha arte de sempre e moi viva 

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario na Galiza. Programacións nas que a asociación de profesionais da Narración Oral Galega (NOGA) insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. 

Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio poñendo a Galiza e a súa lingua no mapa universal das historias. 

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

Comentarios