Dimite o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro

“Coido que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe até agora impecábel, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas”, indicou Castro no seu comunicado.
O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).
photo_camera O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).

O até agora director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro presentou esta segunda feira, 18 de setembro, a súa dimisión, segundo informou a través dun comunicado na súa conta da rede social Facebook.

“Hoxe, 18 de setembro de 2023, presentei a miña dimisión como Director Xeral da Editorial Galaxia onde entendín que non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu presidente e conselleiro delegado, se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores”, indicou Castro no seu comunicado.

“Coido que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe até agora impecábel, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas”, engadiu Castro.

Continúa o comunicado indicando que “a miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección a unha empresa que, en múltiples ocasións, mais de modo especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como Director Xeral”.

“Galaxia é moito máis que as persoas que a lideran. É un soño colectivo iniciado en 1950 por un monllo de loitadores e loitadoras antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualábel munición contra o totalitarismo, e que, ademais, puxeron ese nobre obxectivo por diante dos seus intereses persoais”, acrecenta.

O comunicado prosegue: “Se eses valores se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa, non ten sentido que eu me manteña á súa fronte, e quizais a mellor maneira de loitar por eles sexa preservar todo iso que está na esencia de quen eu son e que tanto semella molestar: un escritor e un activista da nosa cultura que seguirei defendendo o ideario fundacional de Galaxia alí onde a vida me leve”.

“De momento, toca non facelo desde un posto de responsabilidade nunha editorial que sempre considerarei a miña casa, pois os proxectos nobres e as institucións culturais permanecen, mentres que as persoas pasan”, finaliza Castro.

Esta dimisión chega despois da polémica xerada pola entrevista anónima publicada en Praza Pública ao escritor Alberto Ramos na cal este mencionaba que "non chegou a recibir ningún tipo de contrato editorial". Ademais, Ramos afirmaba na entrevista que desde a editorial lle pediran mudar o título dunha das súas obras, algo co que o autor estaba disconforme.

Comentarios