CONTRACULTURA

Francisco Castro: "O abuso sobre as nenas e nenos, sexual ou doutro tipo, é algo que me desgarra por dentro"

Francisco Castro publica 'A historia de Sara', libro ilustrado para persoas adultas
O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).
photo_camera O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).

O escritor e director de Galaxia, Francisco Castro, vén de publicar A historia de Sara (Galaxia), un libro ilustrado por Luz Beloso dirixido a persoas adultas. Nesta obra, aborda a problemática social do abuso sexual infantil, así como a invisibilización e a vergoña que o acompaña nunha “sociedade que está moi adormecida e que prefire non ver determinadas traxedias domésticas”.

Como xurdiu A historia de Sara?

Así como son quen de identificar claramente o momento exacto no que se me ocorreu cada unha das miñas outras 22 obras, esta saíu moi de dentro e dalgún lugar que non son capaz de identificar. De feito, saíu moi rápida: a base da historia escribina en dous días, aínda que logo traballei moito sobre ela. É unha historia moi coherente con todo o que fixen até o de agora porque sempre me ocupo de temas que me preocupan desde un punto de vista social, de temas duros. 

Tampouco é a primeira vez que escribe sobre o dano que provocan as persoas adultas na infancia.

Hai moitas cousas que non me gustan na nosa sociedade, mais desde logo o abuso, sexa sexual ou de calquera outro tipo, sobre a infancia é algo que me desgarra por dentro. A obriga dos adultos é coidar, non esganar a vida a ninguén. A capacidade para relativizar e para valorar o que che pasa é diferente cando es maior que cando tes seis anos, como é o caso de Sara. E o certo é que as estatísticas falan de moitos nenos e nenas que son abusadas e ademais, como se conta no libro, no contexto inmediatamente familiar. Nun contexto no que ninguén sospeitaría que puidese estar acontecendo. E logo, claro, hai unha vergoña social moi grande e inclusive incredulidade. Como imos sospeitar de alguén da propia familia? Mais é así. 

Pola súa presentación pode parecer un libro infantil, mais éo?

Para nada. Levamos moitos anos escoitando dicir que non se fan libros ilustrados para persoas adultas. Eu tamén quería cubrir un pouco ese oco. É algo moi común en Francia ou en Alemaña, por exemplo, e non falo de banda deseñada, porque iso é outra cousa. É algo que creo que temos que comezar a ofrecer tamén en lingua galega.

Estou seguro de que este libro van lelo rapazas e rapaces dunha certa idade e que van facer a súa propia lectura, mais, sobre todo e fundamentalmente, está dirixido a persoas maiores, tamén coa idea de removelos. Desde que saíu o libro, as lectoras comezaron a falarme a través das redes sociais, e digo lectoras porque foron todas mulleres. 

Contábanme da angustia que lles provocou, inclusive de momentos de ansiedade. Unha profesora falábame de que foi incapaz de pegar ollo en toda a noite. O libro busca remover conciencias e pórnos diante das pantasmas sociais que non queremos ver. Eu tiña claro que non me valía calquera ilustradora. É un texto duro, sutil e complicado e eu precisaba alguén que puidese estar realmente ao nivel de profundidade e sensibilidade no que eu me movía. 

Falei con Luz Beloso, porque xa traballara con ela como editor, e aínda que dixo que si inmediatamente, preferín que lese primeiro o texto, que se asegurase. Esa mesma noite chamoume, como dixo ela, co corazón encollido, moi impresionada e quería facer ela ese traballo. Hai que ter en conta que un dos personaxes principais é unha pantasma que ademais está moi presente na acción. Ilustrar iso é moi complicado, mais o resultado é absolutamente espectacular. 

Podería servir para traballar a prevención e a comunicación desta violencia coas crianzas?

Quizais si, podería acontecer que unha crianza de dez ou once anos lea o libro e diga "isto é o que me está pasando", ou "o que me pasou", mais desde logo non é o seu obxectivo. O obxectivo é dirixirse a unha sociedade que está moi adormecida e que prefire non ver determinadas traxedias domésticas. O abusador sexual no contexto familiar non recorre tanto á violencia directa, por suposto, collido con moitísimas aspas o que digo, como ao engano, a disfrazalo todo de xogo, de naturalidade... As crianzas chegan a pensar que é algo normal, que non é nada terríbel o que lles está pasando.   
 

Comentarios