Galaxia publicará este ano 'Síbaris', unha obra de teatro póstuma de Domingo Villar

Foi a única publicación que deixou escrita como dramaturgo.
O escritor Domingo Villar. (Foto: Pablo Vázquez)
photo_camera O escritor Domingo Villar. (Foto: Pablo Vázquez)

Síbaris é a obra de teatro que Domingo Villar deixou escrita, e entregada á Editorial Galaxia, antes de falecer en maio do pasado ano. Trátase dunha peza dramática, a única do novelista vigués, protagonizada por un escritor que vén de recibir o Nobel mais que se atopa nun bloqueo creativo dende hai ben de anos.

A Editorial Galaxia recupera agora a peza e vén de anunciar que se publicará o 20 de setembro. "Co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir", apuntan.

Trátase, precisan desde Galaxia, dunha "reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida", arredor da literatura e todo o que a rodea.

Os seguidores do creador do detective Leo Caldas accederán aquí a "un Domingo Villar poliédrico que era moito máis que un construtor de tramas policiais", como xa quedara demostrado no delicado Algúns contos completos que Galaxia publicou en 2021 e que tanto éxito de público e crítica alcanzou.

"Non existen dúbidas de que con esta achega ao mundo do teatro, Domingo Villar seguirá facendo o mesmo que fixo durante a súa corta mais fecunda vida: seducir lectoras e lectores para a literatura galega", celebran desde a editorial.

'Algúns contos completos'

Sobre aquela primeira recompilación de contos conversara en 2021 Villar con Nós Diario: "Son contos amábeis, e a súa intención é sandadora, de traer algo de luz nunha época tan escura como a que estamos a vivir", dixera.

Comentarios