O Concello de Pontevedra entregará o convento de Santa Clara á Deputación de Pontevedra en xaneiro

Unha vez que se asine o documento por cada unha das Institucións, o cenobio das clarisas pasará ao dispor da Deputación para se integrar no Museo de Pontevedra.
Traballos no convento de Santa Clara (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Traballos no convento de Santa Clara (Foto: Concello de Pontevedra).

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o día 3 de xaneiro asinarase o convenio de cesión do convento de Santa Clara á Deputación de Pontevedra.

É o último trámite que restaba despois de que a Deputación aprobase por unanimidade no seu último pleno a recepción do edificio.

Unha vez que se asine o documento por cada unha das Institucións, o cenobio das clarisas pasará ao dispor da Deputación para se integrar no Museo de Pontevedra.

En rolda de prensa, Lores destacou algúns aspectos deste convenio como o que estabelece que a horta e o bosque estarán abertos ao público no horario do Museo, ademais dos días que o Concello o solicite expresamente para realizar algunha actividade. Ambas as Administracións compartirán o uso da igrexa como salón de actos para diferentes actividades.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, estima que o custo da rehabilitación do antigo convento ascenderá a case 24 millóns de euros, dos cales 21,8 millóns serán para as propias obras.

Pola súa parte, o alcalde pontevedrés reiterou a importancia da implicación neste proxecto doutras Administracións públicas como a Xunta da Galiza e o Estado.

"Decepción"

Así mesmo, Lores mostrouse "decepcionado", xa que nun principio o PP pontevedrés se posicionou en contra da cesión do convento.

Neste sentido o alcalde de Pontevedra declara que “tivo que vir de fóra de Pontevedra o PP galego para emendarlles a plana. De aí o seu silencio na aprobación deste convenio na Deputación. É absolutamente lamentábel que teña que vir xente de fóra de Pontevedra a pór os puntos sobre os is”, xa que no 2021 Rafael Domínguez, o candidato á alcaldía do PP, se posicionou en contra da dita cesión.

O alcalde cualifica de “fundamental” a cesión do convento, xa que esta permitirá que se manteña a unidade de funcionamento xunto co Museo de Pontevedra, que xa é un atractivo estratéxico.

Comentarios