A Deputación rehabilitará o convento de Santa Clara, que será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra

O edificio foi adquirido polo Concello por 3,2 millóns de euros.
De esquerda a dereita, Sonia Mateos, José Manuel Rey, Carmela Silva, Miguel Anxo Fernández Lores e César Mosquera, esta cuarta feira, en Santa Clara. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera De esquerda a dereita, Sonia Mateos, José Manuel Rey, Carmela Silva, Miguel Anxo Fernández Lores e César Mosquera, esta cuarta feira, en Santa Clara. (Foto: Rafa Estévez)

O Concello de Pontevedra asinará un convenio de cesión para entregar o convento de Santa Clara á Deputación co obxectivo de que esta institución execute a rehabilitación e o converta no sétimo edifico do Museo Provincial.

A medida oficializouse esta cuarta feira, nunha rolda de prensa decorrida na igrexa deste espazo conventual, na que estivo presente a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e o vicepresidente provincial e deputado responsábel do Museo de Pontevedra, César Mosquera, así como o director do Museo, José Manuel Rey, e máis a xefa de xestión, Sonia Mateos.

César Mosquera avanzou que, unha vez asinado o correspondente convenio de cesión, a Deputación lanzará un concurso internacional de proxectos para que os estudos de arquitectura acheguen solucións para a recuperación do espazo. Aliás, buscarán financiamento "para rehabilitalo, case integramente, cando antes".

A cesión do convento de Santa Clara para que forme parte do Museo fora sempre a idea que barallaban ambas as institucións desde que o Concello adquiriu o cenobio á congregación das clarisas por 3,2 millóns de euros.

"Pero optamos pola prudencia", dixo Mosquera, que vinculou a decisión final aos "traballos do estudo arqueolóxico". "Con excepción da igrexa, que está bastante ben, o convento hai que restauralo por completo", avanzou.

Tamén Carmela Silva prometeu que a rehabilitación de Santa Clara vai situar Pontevedra "no mundo", avanzando así a intención da Deputación de que a intervención no edificio e os xardíns sexa unha referencia internacional. "Debemos protexer o noso patrimonio porque somos o que construímos e o que herdamos", subliñou.

Ante a dimensión que ten este proxecto, a presidenta dirixiu unha mensaxe á Xunta e ao Goberno estatal: "Esperamos que as demais administracións tamén lle dediquen recursos". O propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores aclarou que o Concello se ofrece "a colaborar na rehabilitación e no mantemento".

O obxectivo é que os xardíns do convento sexan de acceso público, mesmo que poida servir de patio de xogos para o colexio de Barcelos, cara a onde se proxecta facer unha entrada na muralla. Lores tamén confirmou que o Goberno local mantén negociacións para adquirir a sede das Obras Misionais Pontificias, anexa ao convento.

Comentarios