Como era a vida dentro do convento de Santa Clara, en Pontevedra?

Os traballos arqueolóxicos impulsados pola Deputación de Pontevedra están perto de achegar as primeiras conclusións sobre os hábitos diarios no interior do convento durante as súas diferentes etapas.
Unha caveira atopada no convento de Santa Clara. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Unha caveira atopada no convento de Santa Clara. (Foto: Deputación de Pontevedra)

 O pasado 1 de decembro de 2021, o Concello de Pontevedra incorporou ao seu patrimonio público o convento de Santa Clara, situado no casco urbano da cidade. Desde aquel momento, o Goberno local e a Deputación de Pontevedra impulsaron de maneira conxunta unha serie de traballos arqueolóxicos para descubrir os "segredos" que esconde o edificio.

Nas últimas semanas, eses traballos comezaron a ofrecer as súas primeiras conclusións, que poderían axudar a coñecer como era o día a día das monxas durante as diferentes etapas que viviu o convento.

Segundo confirmou esta cuarta feira o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, os avances son continuos e o equipo arqueolóxico terá suficiente documentación nas vindeiras semanas para realizar unha primeira reconstrución cronolóxica de como era a vida en Santa Clara e a evolución da construción nos seus 750 anos de historia.

As escavacións están a localizar numerosos enterramentos en diferentes localizacións da finca e das construcións, incluso a diferentes niveis: "na horta, no claustro, na igrexa, na entrada baixo o cemento, no refectorio vello, no coro baixo..." Polo de agora están escavadas unhas 40 tumbas, mais calcúlase que os enterramentos foron masivos, polo que a decisión será non abrir todos, senón localizalos por xeorradar e só abrir os que se consideren máis representativos.

“Isto é sorprendente. Poderiamos estar toda a vida escavando. Hai incluso enterramentos con dous ou tres osamentas xuntas”, apuntou Mosquera. “O cemiterio que existía era do século XX. Pero canta xente pode estar aí soterrada en 750 anos? 2.000, 3.000, 4.000 persoas? Só a unha por ano son 750... Sabemos que son multitude”, subliñou.

Técnicas mortuorias

Durante a investigación arqueolóxica tamén se detectaron diferentes técnicas mortuorias segundo a época na que se fixo o enterro. Nalgúns casos os corpos están dentro de caixas de madeira e noutros simplemente nun sudario.

Así mesmo, parece estar documentado que tamén hai enterramentos de xente allea ao convento, que acabou sepultada dentro do recinto por ter feito algunha cesión no seu testamento a cambio do enterramento no lugar, ou ben por colaborar coas monxas dalgunha maneira.

A información sobre os corpos, a maneira en que estaban dispostos e a súa localización, servirá para facer unha primeira achega ao modo de vida do convento. A maiores tamén se realizarán analíticas forenses dos ósos, que probabelmente estarán finalizadas a finais de ano ou primeiros de 2023. Isto permitirá saber con detalle cuestións como o tipo de alimentación que seguían as mulleres recluídas no recinto relixioso.

Novos detalles da construción

Outra das achegas dos traballos arqueolóxicos é a descuberta de novidades en relación á propia infraestrutura do convento. Así, os arqueólogos identificaron partes do edificio datadas do nacemento do convento, hai 750 anos; outras que desapareceron; e tamén engadidos posteriores que se están a analizar.

Segundo explicou Mosquera, é "sorprendente" a cantidade de modificacións que se fixeron ao longo da historia, que chegan a crear unha construción “desfigurada” con respecto a outros conventos e edificacións relixiosas coetáneas. Como exemplo, sinalou que é probábel o ábsida da igrexa non sexa o orixinal, senón unha substitución do século XV ou XVI.

Outra das cuestións "máis rechamantes" foi descubrir que a entrada orixinal do convento estaba situada na parte superior da finca, cara a praza de Barcelos, antes do século XVII. Por outra parte, nas diferentes catas realizadas está a aparecer tamén moita cerámica soterrada a diferentes niveis, que amosan perfectamente as características de uso e tipoloxía de cada época.

Comentarios