O PP entende que Felipe VI “é o rei que os españois necesitamos”

 O PP fecha filas co discurso de Noiteboa de Felipe VI. Os populares chaman a Pedro Sánchez a “escoitar máis a Felipe VI e escoitar menos a Rufián, a Junqueras e a Otegi”

Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)

Os populares galegos consideran “o discurso de Felipe VI foi máis acaído que nunca nuns momentos nos que temos que reivindicar que somos maioría os galegos e galegas que compartimos os valores constitucionais nos que se fundamenta a democracia española”.

A secretaria xeral da formación na Galiza, Paula Prado entende que “a Súa Maxestade volveu deixar claro onte que non hai ninguén por riba da Constitución nin das institucións españolas”

Prado cre que a intervención subliña, unha vez máis, “a responsabilidade de construír pontes e non de rompelos en pedazos, e a importancia de unir lazos e non de deterioralos”.

A dirixente popular amósase convencida que “Felipe VI volveu demostrar que é o rei que os españois merecemos e necesitamos”. As palabras de Prado sitúanse na liña das opinión vertidas polos dirixentes estatais da formación.

A deputada do PP significa que Felipe VI “é o garante da monarquía como a institución na que se sustentan as pontes sobre as que camiñou España durante os últimos 40 anos e a institución que une os lazos dos que nos sentimos parte dun proxecto común a todos como é España”.

Defensa da Constitución

Prado apunta que “nestes tempos de partidos que chaman a rachar coa Constitución e cos valores que consagra” e dun Goberno do Estado “refén duns socios que só aspiran a romper España e deteriorar as institucións”, é momento de reivindicar o sentir da maioría.

A secretaria dos populares insta a Pedro Sánchez “a tomar nota das palabras do Rei, porque mellor nos iría aos galegos e a todos os españois se Sánchez escoitara máis a Felipe VI e escoitara menos a Rufián, a Junqueras e a Otegi”.

A parlamentaria do PP asegura que “somos maioría os que nos sentimos orgullosos da monarquía e dos valores que representa e propugna, os que cremos en España, na fortaleza do modelo autonómico e na Unión Europea e os que nos sentimos orgullosos das nosas institucións, da nosa Constitución e da súa vixencia”

Comentarios