Lores confirma que se presentará á Alcaldía de Pontevedra en 2023

Fíxoo acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen cualificou de "alegría especial" a decisión de Lores de intentar reeditar a Alcaldía, cun novo proxecto "a oito ou dez anos".
Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou esta quinta feira que se presentará novamente a Alcaldía de Pontevedra en 2023, encabezando a candidatura do BNG nas vindeiras eleccións municipais.

Fíxoo acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen cualificou de "alegría especial" a decisión de Lores de intentar reeditar a Alcaldía, cun novo proxecto "a oito ou dez anos".

“Todo o BNG ten mirado para o BNG de Pontevedra para aprender como se pode gobernar para mellorar a vida das persoas, como se pode usar o goberno como instrumento de transformación en positivo da sociedade e eu mesma teño aprendido moito do seu xeito de afrontar os problemas, da súa forza e cohesión como colectivo”, salientou Pontón na súa intervención.

A líder nacionalista resaltou unha das cuestións que considera "parte fundamental do éxito do BNG na cidade do Lérez": a "confianza" que teñen nas súas posibilidades e a "confianza" que teñen na sociedade pontevedresa, “para desde esa confianza buscar "solucións e alternativas do máis avanzadas pero adaptadas á nosa realidade, neste caso á realidade de Pontevedra”.

Lores, "cheo de ilusión" segundo Pontón

A líder do BNG dixo ver ao alcalde pontevedrés "cheo de ilusión" e coa "mesma forza para seguir liderando a Boa Vila" que cando asumiu a Alcaldía por primeira vez, “mirando a un futuro mellor e coas ideas claras”, froito do seu profundo coñecemento da cidade que transformou ao longo de dúas décadas de goberno.

“Que teña as ideas tan claras é lóxico dados os seus coñecementos, pero esa ilusión de futuro, ese entusiasmo ou se ten ou non se ten, e Lores ten entusiasmo e ilusión para dar e regalar. Eu, que son unha persoa positivista e entusiasta, aínda así, pediríalle que me traspasase o que lle sobra a el”, insistiu afectuosa, para concluír resaltando o acertado do lema “Lores, paixón por Pontevedra”.

Comentarios