A Xunta da Galiza rebaixa os impostos aos bingos en 40%

O PSOE denunciou "o agravio comparativo con outros sectores" que tamén se viron afectados pola pandemia.
Xogo de bingo. (Foto: Grupo Orenes)
photo_camera Xogo de bingo. (Foto: Grupo Orenes)

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, xustificou esta cuarta feira no Parlamento da Galiza a rebaixa dos impostos aos bingos en 40%. Esta redución, aprobada na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos galegos para 2023, súmase a unha medida análoga acordada nas contas do pasado exercicio.

A decisión do Goberno galego foi criticada polo viceportavoz do grupo socialista, Julio Torrado, quen acusou a Xunta da Galiza de "pagar a negociación dunha lei que non querían implantar".

Nesta liña, ironizou que "cando teñen que regular un pouco, coa outra man danlles unha rebaixa" e lembrou que "cando falan de que a xente debe ter os cartos nos seus petos, en realidade fan que as empresas deixen de pagar para que outros deixen os cartos nos petos desas empresas".

"Agravio comparativo"

O deputado do PSOE denunciou "o agravio comparativo con outros sectores que tamén se viron afectados [pola pandemia], como a hostalaría ou o comercio" e denunciou que que "o anterior conselleiro e actual presidente da Xunta", Alfonso Rueda, estivo "anos deixando pasar o momento para levar adiante a regulación", porque a patronal do xogo "non estaba de acordo e prefería a desregulación" do sector.

Comentarios