Pontevedra

Cerámica chinesa e italiana, cuncas do século XVI... Estas son as reliquias achadas no convento de Santa Clara

A Deputación de Pontevedra deu conta esta sexta feira, nunha visita guiada á que se convidou os medios de comunicación, dos avances nos traballos de escavación e os estudos arqueolóxicos no convento.
Obxectos de cerámica achados en Santa Clara. (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera Obxectos de cerámica achados en Santa Clara. (Foto: Rafa Estévez)

As escavacións e estudos arqueolóxicos levados a cabo nos últimos meses no convento pontevedrés de Santa Clara sacaron á luz unhas 8.000 pezas de cerámica, moedas, ferro e outros materiais que permiten facer unha primeira reconstrución de como era a vida no convento, mesmo dando a coñecer algunhas curiosidades como que as monxas consumían chocolate no século XVI.

O director dos traballos, Rafael Rodríguez, explicou esta sexta feira que, entre a cerámica achada nos 780 metros cadrados escavados, hai moitas 'xícaras' —cuncas específicas para tomar chocolate— datadas de hai 500 anos.

O arqueólogo xefe tamén engadiu que hai evidencias de que eran moitas as familias con "posíbeis" que enviaban ao convento ás súas fillas porque estaba "en auxe", xa que hai mostras da existencia de boa cantidade de elementos cerámicos como os que se comprarían nunha casa con alto poder adquisitivo.

Precisamente é a cerámica o elemento que máis documentación está a revelar sobre a vida das monxas no convento. Atopáronse milleiros de pequenas pezas en moi bo estado de conservación que van desde o século XIII até a actualidade, e de moi diferentes orixes: chinesas, andaluzas, inglesas ou italianas, entre outras.

Todo isto, a falta das análises antropolóxicas pendentes, supón unha gran base para coñecer a alimentación das clarisas, a economía e o puxante comercio na zona. Outro dato que destacaron os arqueólogos é que as orixes tan diferentes da cerámica mostran que o comercio en Pontevedra naquel tempo era importante, xa que, moi probabelmente, algúns útiles chegaban de Oriente a través de galeóns polo roteiro da Seda até Sevilla e desde a cidade andaluza subían até a Galiza.

Visita guiada

Todas estas cuestións foron explicadas nunha visita á que se convidou os medios de comunicación e na que participaron o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera; o director do Museo, Xosé Manuel Rey; a directora de Xestión, Sonia Mateos; o director da escavación, Rafael Rodríguez; a restauradora Aldara Rico, a antropóloga Clara Veiga e o arqueólogo técnico Eduardo Velázquez.

César Mosquera mostrouse "moi satisfeito" polo exhaustivo traballo que se está realizando e o director do Museo incidiu en que aínda queda moito por avanzar no coñecemento de Santa Clara, lembrando que non se fixo ningún tipo de intervención nin de escavación nas dependencias da igrexa.

Os traballos tamén están a permitir identificar as fases nas que se foron erguendo, cunha gran complexidade, os edificios do convento desde o século XIII até a actualidade. Segundo comentou Rafael Rodríguez, o convento foi un espazo "dinámico, de moito movemento, e vivo", ao que chegaban materiais de moitos puntos do mundo e no que se facían moitas obras, aínda que non todas se remataban.

Comentarios