Inicia o concurso de proxectos para rehabilitar Santa Clara

A Deputación presentou hoxe as bases
Carmela Silva e César Mosqueira, hoxe. (Foto: Deputaci´no de Pontevedra)
photo_camera Carmela Silva e César Mosqueira, hoxe. (Foto: Deputaci´no de Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno as bases do concurso de proxectos para rehabilitar o convento de Santa Clara e destinar o recinto ao Museo de Pontevedra. Desde a institución indicaron que a intención é dispor do proxecto definitivo a finais de 2023 e licitar as obras a principios de 2024.

Aliás, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosqueira, anunciaron que o convenio de cesión do convento por parte do Concello de Pontevedra á institución provincial aprobarase no Pleno a próxima cuarta feira.

Segundo indicaron, o concurso internacional de proxectos suporá a culminación dunha idea "moi beneficiosa" para a cidade: ampliar o Museo de Pontevedra. Mosqueira destacou que a proposta de incorporar o recito a uso museístico xa se barallaba nos anos 70 e 80 cando aínda non existían os edificios Fernández López ou Castelao. "Os anos pasaron e chegamos a isto, os trámites xa están listos", sostivo.

Pola súa parte, Silva asegurou que a Deputación se encontra ante un proceso "que vai dar a volta ao mundo" e que está espertando moito interese "no mundo da arte, da cultura e do urbanismo". Ademais, recordou que a Deputación é "unha Administración pública que ten unha mirada de futuro" engadindo que "hai moito tempo que na Galiza non hai un proceso tan ambicioso como este".

Mosqueira explicou que as condicións para a cesión de Santa Clara xa están fechadas. Así, o Concello de Pontevedra cederá a propiedade á Deputación, máis da metade da horta quedará para uso público, o salón de actos será compartido e o sostemento da parte pública será responsabilidade do Concello. A Deputación, pola súa parte, subrogarase dos elementos que quedaron en depósito por catro anos -o coro, o órgano, o púlpito e os retablos- e farase cargo das obras.

Ante a aprobación das bases do concurso internacional de proxectos, Mosqueira indicou que o atractivo de conseguir o contrato do proxecto de Santa Clara "é triplo", pois dá prestixio por actuar nun espazo emblemático, tamén por intervir nun museo tan relevante como o de Pontevedra, e por ser unha iniciativa financiada “con estándares internacionais”.

O orzamento total para abordar o concurso de anteproxectos, a redacción definitiva e a dirección de obra, xunto á súa execución, explicou Mosqueira, ascende aos 24 millóns de euros.

Comentarios