Camiño Escena Norte chega a Ames con 'Baby Sferic'

Cunha linguaxe delicadamente visual e cunha fonda estética minimalista, a compañía de teatro vasca Aboon Teatro propón unha fermosa e divertida viaxe para redescubrir o noso planeta.
Unha escena de 'Baby Sferic'. (Foto: Josep Tobella)
photo_camera Unha escena de 'Baby Sferic'. (Foto: Josep Tobella)

Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa, chega esta fin de semana á localidade de Ames. Esta sexta feira, 6 de outubro, ofrecerá unha dobre función do espectáculo infantil e familiar Baby Esferic, da compañía vasca Aboon Teatro, na Casa da Cultura do Milladoiro. 

Baby Esferic é un espectáculo innovador que propón despertar a imaxinación de toda a familia, á vez que rende unha homenaxe á Terra. Sen texto, e cunha  linguaxe delicadamente visual e estética minimalista, é unha divertida viaxe para redescubrir e emocionarnos co noso fogar a través dos ollos das máis pequenas e pequenos. 

A peza fala da maxia que nos une ao planeta e aos seus habitantes a través de diferentes historias e paisaxes. Unha grande esfera branca é a protagonista, e que se transforma en diferentes lugares e simpáticos animais, como medusas que emerxen do fondo do mar, tartarugas milenarias que amosan o ciclo da vida, abellas recolectoras que cooperan ou, incluso, un boneco de neve que chegará desde o Ártico. A obra está dirixida, especialmente, a bebés de 6 meses a tres anos.

Máis funcións no Camiño

De cara á vindeira semana, Camiño Escena Norte continuará o seu percorrido por Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín, con espectáculos como Sexpiertos -gañadora do Premio Max Mellor Labor de Produción 2023-, que ofrecerá unha función o día 13 en Viveiro e outra o sábado 14, en Carballo; Misery, a adaptación da novela de terror de Stephen King, que chegará o sábado 14 a Vimianzo; e Malabaracirco, espectáculo de novo circo que se poderá ver en Portomarín o domingo 15.  

Comentarios