Escena Galega celebra vinte anos de existencia mirando ao futuro

As artes escénicas debaten sobre a súa vinculación co territorio en Carballo

"XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixos vertebradores do sector escénico galego” celebrarase o 20 de decembro no Pazo da Cultura de Carballo e o prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, 1 de decembro, ata o día 18.

'Bailar agora', de Marta Alonso, estará na edición do FETEGA deste ano.
photo_camera 'Bailar agora', de Marta Alonso Tejada, foi un dos espectáculos participantes do proxecto Camiño Escena Norte.

Como mellorar a circulación dos espectáculos teatrais polo país, atopar estratexias que unan a parte artística e a empresarial nas artes escénicas, buscar  formulas de colaboración entre concellos pequenos para reforzar a súa acción cultural de cara á cidadanía. Son algúns dos retos que se abordarán na xornada “XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixos vertebradores do sector escénico galego”, comisariada por Diego Meizoso e que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o día 20 deste mes. 

O encontro, que se encadra dentro das iniciativas de “A Cultura é un dereito”, un dos programas do departamento de Cultura da Deputación da Coruña, constitúe unha das actividades que celebran o vixésimo aniversario de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de referencia no sector profesional das artes escénicas da Galiza. 

"O que queremos é discutir sobre cales son os retos que enfronta o sector escénico e cal debe ser o papel das asociacións profesionais no futuro das artes escénicas", explica Diego Meizoso en conversa con Nós Diario. "Imos falar coas catro Deputacións sobre a circulación dos espectáculos especialmente en contextos non urbanos, porque a distribución das obras parécenos un dos problemas que debemos enfrontar con máis urxencia. Tamén invitamos a algúns representantes de empresas (Candelas, Martín Códax e Vegalsa-Eroski) para explorar posibles vías de financiamento no ámbito privado. E, finalmente, falaremos da comarcalización na exhibición de artes escénicas. Hai moitos servizos que se xestionan por comarcas e non por concellos, mais ningún deles vinculado ao sector da cultura. Se cadra, sería interesante ampliar a estes sector esa estratexia". 

 

Asociacionismo profesional 

A xornada tamén debaterá sobre as asociacións profesionais, entendendo estes colectivos como parte fundamental non só do desenvolvemento senón tamén do sostemento do sector cultural galego e exemplo de vertebración. Nese sentido, tamén están invitadas representantes da Asociación Galega de Editores, da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, da Asociación Galega de Produtoras Independentes e da Asociación Galega de Empresas Musicais. 

Ás xornadas tamén acudirán representantes de asociacións de artes escénicas de Madrid, Asturias e Catalunya, na busca de complicidades e estratexias que faciliten a saída das compañías galegas por outros territorios do Estado.  

Cómpre lembrar, neste sentido, que Escena Galega é unha das entidades promotoras de Camiño Escena Norte, un programa de intercambio cultural no que participan asociacións de Asturias, Cantabria e Euskadi, para o intercambio de espectáculos de teatro, danza e novo circo, ademais de encontros, talleres e xornadas profesionais. Camiño Escena Norte, que este ano incluíu propostas de Navarra, leva xa varios anos presentando propostas escénicas en diversas localidades do Camiño de Santiago e, constitúe, na actualidade, un exemplo de cooperación entre territorios que facilitan o acceso da cidadanía á creación escénica. 

 

Comarcalizar servizos culturais para vertebrar o territorio

Na Xornada debaterase tamén sobre un proxecto que parte do Centro Dramático Galego, Territorio Escena, que "visa a ampliar a programación escénica nas vilas pequenas e medias", explica Meizoso. "En principio, non é un proxecto de Escena galega, pero si que nos parece moi interesante buscar estruturas que faciliten que as compañías poidan presentar os seus traballos en lugares aos que, habitualmente, non chegan as artes escénicas, ou chegan cunha frecuencia moi escasa". 

Nese debate estará tamén presente Álex Rodríguez Ramírez, ex director do Fetal de Urones de Castroponce (Terra de Campos, Valladolid) un festival cunha ampla experiencia en empregar a cultura como elemento de vertebración territorial, do traballo comunitario e da prioridade na cultura dos obxectivos sociais.

Comentarios