A Academia pide o uso do galego "en todas as materias" da educación no pleno de homenaxe a Carvalho Calero

A RAG realizou un Pleno extraordinario no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) como acto oficial ao homenaxeado este ano coas Letras Galegas. No acto o seu presidente, Víctor Freixanes, deixou aberta a posibilidade de que se escolla outra persoa para a homenaxe de 2021.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e outras autoridades no Paraninfo da USC, escenario de realización do pleno da RAG do Día das Letras Galegas 2020 (RAG)
photo_camera O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e outras autoridades no Paraninfo da USC, escenario de realización do pleno da RAG do Día das Letras Galegas 2020 (RAG)

O Pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que tivo lugar este sábado 12 de decembro dedicado a Ricardo Carvalho Calero realizouse no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no mesmo edificio en que impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega desta institución.

“Non puido ser en Ferrol segundo nos comentou o concello”, máis, “esta foi unha das casas de Carvalho Calero”, explicou o presidente da institución Víctor Freixanes. No acto reivindicou a presenza do idioma "en todos os ámbitos", tamén en "todas as materias, sen excepcións", do sistema educativo.

O acto, fora adiado pola situación sanitaria, incluíu catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual de quen é unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. Estaba prevista tamén a intervención de Xesús Alonso Montero que non asistiu por unha indisposición.

No acto participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen tamén interveu unha vez finalizado o pleno. Ademais, estiveron presentes diferentes representantes da vida cultural, civil e política da Galiza, entre eles o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; e a membro da Executiva do BNG Goretti Sanmartín.

Tamén destacou a presenza da filla de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e dos seus fillos e, á súa vez, netos do autor homenaxeado.

Sen renunciar a escoller outra protagonista para 2021

Aínda que existen voces -mesmo desde o concello ferrolán que reclaman que o ano Carvalho Calero se estendese a 2021, a Academia non renuncia a homenaxear a outro autor ou autora o próximo ano, que tamén será "difícil", segundo dixo Freixanes.

Tras recoñecer a "excepcionalidade" do 2020, debido á incidencia do coronavirus, Freixanes celebrou a "difusión sen precedentes" do Día dás Letras Galegas e da figura de Carvalho Calero grazas ás tecnoloxías, que permitiron que participase "o conxunto da sociedade" mesmo "máis aló" das fronteiras da Galiza.

Comentarios