mércores 25/11/20

O Concello de Lugo aproba a iniciativa do BNG promover a prolongación ao 2021 das Letras Galegas a Carvalho Calero

O acordo plenario trasladarase á Xunta de Galiza e á Real Academia Galega.

Concello de Lugo
Concello de Lugo

O pleno do concello de Lugo vén de aprobar a iniciativa do BNG para prolongar ao 2021 o Día das Letras Galegas adicado a Carvalho Calero.

A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, defendeu esta proposición “dado que as distintas medidas derivadas da crise sanitaria impediron conmemorar a Carvalho Calero e afectaron ás distintas actividades socioculturais vinculadas á celebración das Letras Galegas, especialmente no ámbito do ensino”.

 Maite Ferreiro afirmou que “a celebración das Letras Galegas o 17 de maio é unha das efemérides culturais do calendario anual que gozan de maior recoñecemento social”.

 O acordo do pleno trasladarase á Real Academia Galega e á Xunta de Galiza. “Resulta evidente que, xa no último trimestre do ano e sen plenas garantías sanitarias, a crise provocada pola COVID-19 fai imposíbel o desenvolvemento do ano Carvalho Calero con normalidade”, sentenciou Maite Ferreiro.

O Concello de Lugo súmase así ao amplo abano de entidades e colectivos que demandan que o Día das Letras 2021 continúa a dedicárselle a Carvalho Calero.

Porén, e tal como informou Nós Diario a mediados de outubro, a Academia comunicou a Galiza Cultura que non prolongará o ano Carvalho Calero.

O BNG de Ferrol rexeita trasladar os actos do 31 á Coruña

Iván Rivas, portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Ferrol, sinalou onte  que a decisión de desenvolver os actos de tributo a Carvalho Calero fóra da cidade de Ferrol "é inaceptábel".

O nacionalista instou o alcalde da cidade, o socialista Ángel Mato, a non asistir aos mesmos como mostra de rexeitamento ante "o menosprezo a Carvalho Calero e ao conxunto da sociedade local que tanto ten loitado por este recoñecemento".


Nesta liña, o BNG ferrolán fíxolle ao alcalde da cidade tres esixencias: a reivindicación clara, atendendo á reclamación do conxunto do pleno e da sociedade ferrolá, de prolongar o ano Carvalho Calero a 2021; que se manifeste o rexeitamento a que a vindeira fin de semana decorran os actos conmemorativos da Real Academia Galega e do Consello da Cultura nas cidades da Coruña e de Compostela e, por último, que o alcalde Ángel Mato non asista a eses encontros "como mostra do rexeitamento a que se trasladen estes actos fóra de Ferrol".

comentarios