O Concello de Ferrol planta á RAG no pleno de Carvalho Calero por non celebrarse na cidade

Os distintos grupos municipais con presenza na corporación rexeitan participar porque a Real Academia Galega (RAG) organiza un acto que decorrerá en Compostela e non en Ferrol, cidade natal do autor.

O voceiro do Concello de Ferrol, Julián Reina. (Foto: Europa Press)
photo_camera O voceiro do Concello de Ferrol, Julián Reina. (Foto: Europa Press)

A corporación de Ferrol anunciou esta quinta feira que non asistirá ao pleno de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero que organiza a Real Academia Galega (RAG) por decorrer en Compostela e non en Ferrol, cidade na que naceu esta figura destacada das letras da Galiza.

O acordo de todos os grupos con representación é unánime pois queren que a ausencia sexa interpretada como un acto de protesta porque Ferrol non fora escollida para conmemorar as Letras Galegas na honra do intelectual ferrolán.

O voceiro do Goberno municipal, o socialista Julián Reina, foi o encargado de transmitir esta nova após unha xunta de portavoces na que todos os partidos deixaron claro o seu rexeitamento á que a sesión promovida pola RAG teña lugar nunha cidade distinta á de orixe.

Na súa intervención, o representante do Goberno local lembrou que en maio o pleno aprobara unha declaración institucional para pedir que as Letras Galegas de 2021 se volveran a dedicar a Carvalho Calero para que “reciba a homenaxe que merece” e que non foi posíbel en 2020 polas circunstancias sanitarias excepcionais.

De feito este pleno da polémica estaba previsto para o propio 17 de maio pero trasladouse ao 31 de outubro no teatro Jofre de Ferrol.

A situación sanitaria fixo que se adiara novamente a cita, que finalmente sería na sede da RAG na Coruña. Finalmente optouse por un novo aprazamento elixindo Compostela e o 12 de decembro como data para a homenaxe.

Porén, esta decisión non tivo respaldo en Ferrol, onde hai unión na negativa a asistir a un pleno que se faga de costas a localidade que viu nacer ao tamén crítico literario. Ademais, o agardado por todas e todos os edís sería que 2021 volvera ser o ano do autor.

Comentarios