O sector pesqueiro galego manifestarase o 8 de outubro en Ribeira contra o veto á pesca de fondo

O veto á pesca de fondo podería ter un impacto por persoa aproximado duns 24.000 euros anuais, segundo cálculos da Consellaría de Mar.
Imaxe de arquivo do porto de Celeiro. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Imaxe de arquivo do porto de Celeiro. (Foto: Turismo da Galiza)

O sector pesqueiro da Galiza manifestarase o vindeiro 8 de outubro na praza do concello de Ribeira contra a decisión da Comisión Europea de fechar o acceso da frota de arrastre a 87 zonas de protexidas en augas comunitarias do Atlántico Nororiental.

O veto, que entrará en vigor o día seguinte á mobilización e que afectará a frota galega que faena no Gran Sol, foi duramente criticada por sectores produtivos marítimos e formacións políticas como o BNG, que subliñan que a decisión non se basea en argumentos científicos rigorosos e que foi tomada sen consultalo previamente cos actores implicados.

Cartel do BNG chamando á participación na protesta do sector pesqueiro galego.
Cartel do BNG chamando á participación na protesta do sector pesqueiro galego.

Segundo os cálculos da Consellaría de Mar, o veto á pesca de fondo podería ter un impacto por persoa aproximado duns 24.000 euros anuais, máis de 347,5 millóns de euros para a frota afectada e uns 816 millóns para o conxunto da economía galega.

Pode "chegar a afectar" a máis de 4.400 tripulantes, de acordo coas estimacións da Administración galega, ao redor de 40% do total, e repercutiría de forma "directa" na actividade de máis de 200 barcos de capital galego e na actividade de 900 buques de maneira indirecta, "co seu consecuente impacto nas vendas en lonxa, nos salarios das tripulacións e na prestación de bens e servizos", entre outros aspectos.

Ofensiva "xudicial e institucional" contra o veto

Organizacións e colectivos como a Confederación Intersindical Galega (CIG) xa anunciaron que levarán a cabo unha ofensiva "xudicial, institucional e de mobilización" contra o veto de Bruxelas á pesca de fondo, ao entender que supón un "duro golpe" para a frota galega e ameaza "millóns de empregos" no país.

O secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, anunciou que o organismo prepara xa a presentación dun recurso contra a decisión da Comisión Europea, á vez que reclamou a adopción de medidas compensatorias inmediatas para as persoas e as empresas afectadas.

a organización sindical mantivo contactos nos últimos días con diferentes asociacións de armadores para abordar a situación. Aliás, tratou de contactar, "sen éxito", co Goberno estatal e a Xunta para artellar unha ofensiva xudicial coa presentación de tres recursos: un por parte dos sindicatos, outro polas empresas e outro polas institucións.

O sindicato xa está "preparado" para a presentación do recurso, "tendo en conta que se atacan os intereses dos mariñeiros galegos", polo que consultou coa Universidade da Coruña e a de Santiago para abordar o apartado xurídico.

Comentarios