A Eurocámara dá luz verde a unha axuda para recolocar o persoal despedido por Alu Ibérica

Os fondos procederán do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) e o obxectivo será custear medidas que axuden as persoas despedidas na procura de novos postos de traballo.
Protesta fronte a fábrica de Alu Ibérica, na Coruña, o pasado 14 de marzo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta fronte a fábrica de Alu Ibérica, na Coruña, o pasado 14 de marzo. (Foto: Europa Press)

O pleno do Parlamento Europeo deu esta terza feira o seu visto e prace a destinar 1,2 millóns de euros para axudar a recolocar 303 traballadores despedidos polo produtor de aluminio Alu Ibérica na Galiza; último paso formal no proceso para aprobar a medida proposta por Bruxelas e desbloquear os fondos.

O aval da Eurocámara, adoptado en Estrasburgo con 585 votos a favor, 30 en contra e 11 abstencións, subliña o importante impacto do fechamento da empresa no mercado laboral e a economía local da Coruña, unha cidade marcada por unha elevada taxa de desemprego que supera amplamente a media da UE.

O texto apunta os efectos da pandemia da Covid-19 e da guerra en Ucraína na competitividade económica "en toda a Unión, incluído o Estado español", aínda que engade que "as marxes das empresas en España e a súa competitividade víronse, ademais, reducidos pola actual subida da inflación, en particular polo encarecemento das materias primas e a enerxía".

Os fondos

Os fondos procederán do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) e o obxectivo será custear medidas que axuden as persoas despedidas na procura de novos postos de traballo, por exemplo con orientación e asesoramento personalizados, formación profesional e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego.

O custo total estimado das medidas necesarias para devolver ao mercado laboral as persoas despedidas é de 1,5 millóns de euros, dos que a Comisión Europea propuxo que as arcas comunitarias asuman 85%, é dicir, 1,2 millóns de euros; mentres que o 15% restante financiarao o Goberno galego.

O Goberno español solicitou o apoio do FEAG para axudar a recolocar os despedidos tras a quebra de Alu Ibérica, produtor de aluminio primario a partir de mineral extraído, que se viu abocada ao fechamento polo aumento dos prezos da enerxía e das materias primas.

Os programas que poden recibir estes apoios deben ofrecer servizos de asesoramento, asistencia na procura de emprego e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego, así como unha mellora das capacidades e unha reciclaxe profesional adaptados.

Os traballadores tamén poden recibir formación nas competencias chave e os coñecementos que necesitan para atopar un novo emprego, incluídas capacidades informáticas básicas, operacións e loxística de almacéns e novas técnicas de soldadura, así como axudas para obter o recoñecemento formal das súas capacidades e da súa experiencia laboral e de aprendizaxe previa.

Ademais, os participantes poderán beneficiarse dun incentivo de 200 euros ao mes, durante seis meses, se se reincorporan rapidamente ao mercado laboral.

Outros elementos que cobre o financiamento da UE son apoios como incentivos financeiros para participar en actividades de procura de emprego e formación, unha contribución aos gastos de desprazamento e os gastos de coidadores de persoas dependentes, de modo que as persoas con responsabilidades asistenciais poidan participar nas medidas.

Comentarios