Detido en Alemaña o responsábel da compra da planta de Alcoa na Coruña

A detención prodúcese por mor dunha querela por un suposto delito de estafa agravada, insolvencia puníbel e apropiación indebida da Confederación de Cadros e Profesionais.

alu iberica alcoa (Europa Press)

O administrador único de System Capital, Joachim Magin, vehículo investidor que empregou o grupo Riesgo de Valencia para comprar as plantas da produtora de aluminio Alcoa na Coruña e Avilés, permanece detido en Alemaña en resposta á orde de busca e captura emitida pola xuíza da Audiencia Nacional María Tardón.

A maxistrada investiga a presunta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio de Alcoa en Avilés e A Coruña, por mor dunha querela por un suposto delito de estafa agravada, insolvencia punible e apropiación indebida da Confederación de Cadros e Profesionais (CCP).

O pasado 22 de decembro, Tardón sobreseeu a querela respecto de Alcoa Inespal e os seus representantes, aínda que a mantivo aberta contra Alu Ibérica AVL, Alu Ibérica SL, o fondo suízo Parter -que foi o que designou a Magin- e grupo industrial Riesgo.

O socio director de Parter, Rüdiger Terhorst, declarou esta semana como investigado ante a maxistrada, en tanto que Magin, que tamén debía declarar como investigado, permanecía en paradoiro descoñecido até a súa detención, o pasado 27 de xaneiro, en Alemaña.

Segundo confirmaron a EFE fontes xurídicas, Terhorst defendeu ante a xuíza que Parter, comprador das plantas ao prezo dun euro, leva 20 anos operando con empresas en risco e acusou Magin de enganalo e de quedar con 13,5 millóns de euros, cantidade que grupo Riesgo debía desembolsar ao fondo suízo para facerse co 75 % das accións, pero que na práctica saíron da propia tesourería da empresa.

O empresario Víctor Rubén Domenech, que figura como investigado, creou o grupo industrial Riesgo cun capital social de 3.000 euros, e aínda que inicialmente Alcoa rexeitou a súa proposta de compra, posteriormente Parter alcanzou un acordo para traspasarlle as accións por eses 13 millóns de euros.

A querela sostén que se planeou o pase das plantas de Alu -antes Alcoa- a Parter para trasladar a súa titularidade ao grupo industrial Riesgo de Domenech, e aí é onde a maxistrada aprecia indicios de administración desleal ou apropiación indebida por parte de Magin.

Terhorst negou ante a xuíz que a venda das plantas a Domenech estivese decidida desde o comezo, e explicou que non comprobaron a solvencia de grupo Riesgo; sobre o pago dos 13 millóns, sinalou que foi hai pouco cando descubriu que Magin, "que é un home moi astuto", organizou o pago doutra maneira, segundo as mesmas fontes.

Así mesmo, asegurou que esperaban conservar 25 % do capital de Alu e reiterou que non estaba ao corrente de que o financiamento da compra das accións procedese da propia tesourería, de todo o cal responsabilizou a Magin.

A maxistrada pon en dúbida que os investigados tivesen intención de aplicar o plan industrial comprometido ante os traballadores, o que implicaba condenar as empresas á súa desaparición.

Comentarios