O cadro de persoal de Alu Ibérica na Coruña asina o ERE acordado con Alcoa

Traballadores e traballadoras da empresa seguen a pedir unha "solución industrial" por parte das administracións.
Concentración do persoal de Alcoa o pasado 3 de marzo. (Foto: M. Dylan/Europa Press)
photo_camera Concentración do persoal de Alcoa o pasado 3 de marzo. (Foto: M. Dylan/Europa Press)

A comisión negociadora en representación do persoal de Alu Ibérica na Coruña e o administrador xudicial asinaron a última hora desta quinta feira, tal e como estaba previsto, o acordo do expediente de regulación temporal (ERE)

Así o indica o comité de empresa, que explica que coa firma dáse continuidade "ao mandato do persoal de aceptar a proposta de Alcoa e pola que se cobrarían as indemnizacións previstas no acordo de xaneiro de 2019, 60 días por ano traballado, máis 10.000 euros".

"Este acto de asinar o ERE concursal márcase dentro da segunda fase de cumprimento da proposta de Alcoa", sinala o comité. "A data de extinción dos contratos de traballo está prevista para o 10 de maio", engade.

Por outra parte, o comité de empresa lamenta que "nestes momentos as administracións, tanto central como autonómica", estean "de costas e sen darnos información a unha solución industrial e laboral", indican nun comunicado.

Alú Ibérica, en fase de liquidación

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña acordou o pasado 21 de febreiro a apertura da fase de liquidación de Alu Ibérica LC, a sociedade que herdou a antiga planta de aluminio de Alcoa na Coruña e que agora queda disolta.

A sentenza, da que informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), suspendía do exercicio das facultades de administración e disposición sobre o seu patrimonio a empresa, en concurso de acredores desde o pasado decembro.

O administrador concursal asumiu así o encargo de decidir o futuro tanto da planta como do resto de activos da compañía, que pola súa mala situación financeira viuse abocada á desaparición.

A maxistrada indicaba no auto que consta "o informe de cesamento de actividade pola administración concursal e a falta de obxeccións do debedor", polo que entendía que concorren os requisitos para acordar a apertura da fase de liquidación da compañía. Con todo, a sentenza non é firme e contra ela cabe presentar recurso de apelación.

Comentarios