Os traballadores de Alu Ibérica non se renden: cortan o tráfico e urxen reactivar a planta

O "abandono" das Administracións esporea o malestar dos traballadores de Alu Ibérica, que urxen a reactivación da factoría.
Traballadores de Alu Ibérica cortan o tráfico en Alfonso Molina e anuncian novas mobilizacións.
photo_camera Traballadores de Alu Ibérica cortan o tráfico en Alfonso Molina e anuncian novas mobilizacións.

Persoal da fábrica de Alu Ibérica na Coruña retomaron as protestas para exixir unha "solución industrial".

Tras unha asemblea de traballadores, cortaron o tráfico na saída da cidade, en Alfonso Molina, para protestar pola situación que atravesa a factoría. Durante case unha hora deron conta na rúa do seu malestar, tamén ante a falta de noticias por parte do Ministerio de Industria após "a convocatoria da reunión apalabrada para esta semana".

Nesa xuntanza, informa o comité de empresa, estaba previsto que se "achegasen os investimentos ao plan industrial do caderno de vendas e o financiamento para a activación da planta", sinala en referencia a cuestións que, en reiteradas ocasións, expuxeron desde a representación sindical.

Actividade antes que comprador

Os traballadores piden que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais ( SEPI) se faga cargo da factoría e recupere a actividade na planta á espera dun investidor.

A semana pasada, Industria e comité confirmaron o interese de dúas empresas pola fábrica de Alu Ibérica ao tempo que o Goberno estatal reiterou o seu "compromiso" na procura de solucións para manter a planta, ademais de solicitar ao administrador concursal que lle dea prioridade ás "ofertas que maximicen a salvagarda dos postos de traballo".

O conxunto dos traballadores, en ERTE, avanzaron a súa disposición a incrementar as mobilizacións ante "a pasividade e abandono das Administracións para unha solución industrial e laboral" no escenario actual de concurso de acredores.

Comentarios