Buques de toda a UE protestarán a vindeira terza feira, 9 de maio, contra as políticas de "destrución" de Bruxelas

Ribeira concentrarase, o mesmo día, para “defender os postos de traballo do sector”.

A pesca galega de baixura podería verse afectada polas liñas de evacuación da eólica mariña (Foto: Casavella).
photo_camera A pesca galega de baixura podería verse afectada polas liñas de evacuación da eólica mariña (Foto: Casavella).

A vindeira terza feira, 9 de maio, co denominado pola Unión Europea (UE) como “Día de Europa”, barcos pesqueiros de toda a unión farán soar as súas bucinas contra as políticas de “destrución do futuro pesqueiro comunitario” postas en marcha pola Comisión Europea.

Farano tanto os que se atopen en porto como aqueles que estean faenando en mar aberto. A reivindicación terá lugar a partir das 12 horas.

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) sumarase a esta xornada de protesta. "As bucinas dos barcos serven para enviar sinais importantes, algunhas vitais, entre elas a chamada de auxilio”, afirman desde a cooperativa viguesa.

“Por iso os pesqueiros comunitarios [...] lanzarán a súa chamada de socorro á sociedade comunitaria, contra unha política que só busca a súa extinción, o desabastecemento de produto propio dos nosos mercados, a perda dunha mínima soberanía alimentaria, así como do futuro económico e social” dos territorios da UE que  dependen da pesca, lamentou ARVI nun comunicado.

Segundo a cooperativa, pescadores comunitarios consideran que a Unión Europea desenvolve unha política pesqueira "que cada vez defende menos os intereses de Europa e apoia menos aos seus pescadores".

Para ARVI, Bruxelas "lexisla e vive de costas á realidade dos seus cidadáns", con propostas como o paquete de medidas englobado no Plan de Acción, "que será de facto un punto de non retorno para a capacidade pesqueira europea".

Este plan, tal como explicou ARVI, inclúe unha vontade explícita de eliminar gradualmente a pesca europea de fondo móbil, que emprega actualmente a 20.000 pescadores, o que a xuízo do sector pode significar a desaparición desta actividade.

Concentración en Ribeira

Por outra banda, tamén a terza feira decorrerá unha concentración fronte á lonxa de Ribeira (comarca do Barbanza) para defender os postos de traballo do sector.

O Consello Local de Pesca deste municipio reuniuse esta sexta feira, onde decidiron apoiar as iniciativas do Sindicato Europeo de Pesca e convocar un acto de protesta en Ribeira.

Así, ás 19.30 horas haberá unha charla informativa no salón de actos da rula, mentres que ás 20.00 horas terá lugar unha concentración no porto.

Comentarios